O Maija arrebátalle o liderado da Liga de Outono AXA J80 ao Namasté

O Maija arrebatoulle esta tarde o liderado da Liga de Outono AXA J80 ao Namasté de Luis de Mira, que viña na cabeza da clasificación desde a xornada inaugural da competición. A tripulación, liderada por José Luis Pérez, soubo ler moi ben as condicións de mar e vento que se deron esta tarde en Baiona, con vento do noroeste case norte, duns 12 nós de intensidade, e bastante ondada; e logrou impoñerse ao resto de J80 que se disputan a liguiña de monotipos.

Desde que comezou a competición organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de AXA Seguros, o Maija é un dos J80 máis regulares, obtendo, ademais, moi boas marcas en todas as probas. Nas 6 regatas disputadas ata o momento os de José Luis Pérez lograron cruzar a liña de chegada sempre de primeiros ou segundos, salvo nunha ocasión, na que quedaron sextos. A entrada en xogo hoxe dun descarte permitiulle á tripulación eliminar da puntuación ese mal resultado e colocarse na cabeza da clasificación provisional.

A outra tripulación que está a destacar por encima do resto nesta Liga de Outono AXA J80, aínda que dunha forma máis irregular que o Maija, é a do Cansino, patroneada polo comodoro do Monte Real, Fernando Yáñez. Na xornada de hoxe, tras asinar dous primeiros e un terceiro, logrou ascender dous chanzos na clasificación, subindo do cuarto posto ao segundo.

No terceiro caixón do podio provisional mantéñense o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, que xa viña ocupando o posto de bronce desde a primeira xornada. O Namasté de Luis de Mira, que viña primeiro, caeu á cuarta posición; e na quinta mantense o Spaco de Santiago Estévez.

A Liga de Outono AXA J80, organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocino de AXA Seguros, continúa o próximo 23 de novembro coa terceira e penúltima xornada de probas, na que os monotipos con aspiracións ao podio deberán esforzarse por afianzar posicións nos postos máis altos da clasificación.

Anuncios