A inauguración do novo Centro de Saúde de Gondomar, ao Parlamento Galego

Manifesto Miñor presentou a través do grupo En Marea e por medio dos deputados Paula Verao e Luís Villares, unha iniciativa parlamentar pedíndolle explicacións ao Conselleiro de Sanidade sobre “a burla que supón para a veciñanza de Gondomar a inauguración do novo centro de saúde”. Para Antonio Araújo, entre o alcalde do PSOE e a Consellería do PP “iso xa esta pasado de voltas”. “O alcalde tamén terá que dar explicacións no Pleno e así saber de quen foi a culpa de toda esta odisea. Non é admisible que por cuestións electoralistas ou de protagonismo persoal, os doentes de Gondomar non poidan facer uso dunhas instalacións rematadas, novas e modernas”.

“As obras da edificación seica levan rematadas dende o principio do verán segundo os diferentes anuncios feitos nos medios de comunicación, uns días pola Xunta, outros polo Concello de Gondomar, nunha competencia infantil por se colgar medallas mentres seguían sen resolver aqueles aspectos imprescindibles para botalo a andar: conexión á rede de saneamento, de gas cidade, de electricidade, etc. A realidade é que a día de hoxe o novo Centro de Saúde de Gondomar está sen poder ser utilizado para o que foi construído”, lamenta Araújo.

O último episodio desta odisea tivo lugar a semana pasada cando o persoal sanitario do actual centro de saúde, por orde do SERGAS, anunciou aos usuarios do mesmo o traslado para o novo centro o venres día 8 de novembro, bloqueando axendas médicas, de enfermería, etc. Pois ben, o día 6 o persoal do Centro de Saúde recibe unha nova comunicación do SERGAS adiando sine die o devandito traslado por non estar correctamente executadas as obras resultado da inspección realizada polos técnicos do SERGAS e do propio Concello, co obxecto de proceder ao outorgamento da licenza de primeira ocupación.

“Semellante despropósito ou burla aos veciños e veciñas de Gondomar, que ven con asombro como un centro de saúde novo que tardou máis de 10 anos en se construír, a día de hoxe segue pechado para o fin que foi construído por mor das disputas políticas entre o PSOE-PP. A veciñanza de Gondomar merece unha explicación en sede parlamentar por parte do Conselleiro de Sanidade que lles aclare os motivos desta situación e os responsables da mesma, así como confirmarlles a data definitiva para a súa inauguración”, conclúe o concelleiro de Manifesto Miñor.

O actual Centro de Saúde de Gondomar foi construído entre os anos 1987/1988, sendo Conselleiro de Sanidade D. Pablo Padín Sánchez e Alcalde de Gondomar Ramón Sestelo, ambos os dous de Colación Galega e presidindo a Xunta González Laxe. A devandita obra supuxo hai máis de 30 anos dotar a Gondomar dunhas instalacións modernas e suficientes encanto a espazos físicos, e sobre todo, a dotación de persoal sanitario dignas de ser chamadas centro de saúde. Con todo, 30 anos despois a poboación de Gondomar case duplicou, e toda aquela infraestrutura quedou pequena, por non dicir obsoleta. Foi entón cando no ano 2007 o alcalde daquela, Antonio Araújo Quintas, iniciou as xestións para a construción dun novo centro de saúde en Gondomar.

Da man dos profesionais do centro de saúde e dos diferentes organismos da Consellería de Sanidade, fóronlle cedidos os terreos que hoxe ocupa a nova construción nunha parcela municipal de 5.000m2 na zona da Ponte das Ánimas. As escrituras da devandita cesión, con todos os informes técnicos e xurídicos municipais, así como co preceptivo acordo plenario, foi asinada o 2 de marzo de 2009 perante notario xunto cos responsables da Xunta de Galicia. A partires dese momento comeza a redacción do proxecto, peticións dos informes sectoriais preceptivos, etc.

A odisea que supuxo a construción do novo Centro de Saúde de Gondomar

2009.- O Concello de Gondomar cédelle á Xunta de Galicia a parcela onde hoxe se sitúa o novo centro de saúde, asinando a devandita cesión o 2 de marzo de 2009 por parte do SERGAS o seu Secretario Xeral, D. Cayetano Rodríguez Escudero, e do Concello de Gondomar, seu Alcalde Antonio Araújo Quintas. Comezando a Xunta a redacción do correspondente proxecto técnico de obra.

2010.- O novo Goberno Galego presidido polo Sr. Feijóo, procede a reducir a superficie do proxecto inicialmente redactado.

2015.- En xaneiro a Xunta de Galicia adxudica as obras do novo centro de saúde de Gondomar á empresa CORSÁN-CORVIÁN cun orzamento de 2.373.546 €.

2015.- O 10 de marzo inícianse formalmente as obras co replanteo das mesmas, comezando na práctica en maio.

2015.- No mes de setembro paralízanse as obras por mor dos problemas financeiros da empresa adxudicataria e coas empresas subcontratadas.

2016.- O DOG do 27 de decembro, publica unha Resolución asinada polo responsable do SERGAS nesa altura (D. Jesús Vázquez Almuíña) coa encarga de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas co obxecto de acometer a execución das obras ata aí paralizadas do centro de saúde de Gondomar.

2017.- En agosto volve adxudicarse a unha nova empresa a continuidade das obras de construción do centro de saúde de Gondomar.

2017.- En setembro dan comezo as obras coa nova empresa.

2018.- En xaneiro prodúcese unha nova paralización das obras a instancia de Augas de Galicia co obxecto de elaborar novos estudos e informes sobre a posibilidade de inundacións na zona.

2018.- En abril, catro meses despois e cos informes, supoñemos favorables, volven iniciar as obras ata hoxe.

Os anuncios dunha inauguración frustrada

2013.- O día 3 de outubro, o Alcalde de Gondomar (PP) e a Delegada da Xunta anunciaron a inauguración do novo centro de saúde para mediados de 2015 sen estar aínda adxudicadas as obras.

2019.- En febreiro o Alcalde (PSOE) anuncia a inauguración en dous meses.

2019.- En abril, a Xunta de Galicia anuncia o remate e apertura do centro de saúde no verán.

2018.- En maio o Alcalde de Gondomar (PSOE) anuncia que as obras estarán rematadas e o centro de saúde aberto en maio de 2019.

Anuncios