Teatro do Ar representa “Distintas Compañías” no Auditorio de Nigrán

Teatro do Ar representa “Distintas Compañías” no Auditorio de Nigrán

O Auditorio do Concello de Nigrán recibe este sábado a Teatro do Ar nun novo día do seu ciclo de teatro. A compañía de Nigrán representará a obra orixinal de Pedro Rodríguez Villar, director do grupo, Distintas Compañías. Unha comedia baseada nas lendas que Antonio Fraguas, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, recolleu durante a súa vida de aldea en aldea.

Dous sospeitosos peregrinos chegan a Eiriña, unha aldea pequena que non sae en ningún mapa e onde viven cerca de trinta veciños nun pequeno casco urbano entre leiras e bosques escuros. Perdidos preguntan ó párroco Muñoz, un crego sospeitoso que non sae da aldea dende fai vinte anos, por onde se vai a Santiago. Este non lles responde e os inclúe como parte dun ritual do máis estraño e perigoso.

Con esta historia Pedro Rodríguez pretende mostrar a forza das lendas e a tradición no rural galego. “Son parte da nosa identidade e temos que saber aprecialas como fonte de contos, teatro e todo o que queiramos”, explica o creador. Outro dos puntos interesantes da obra, ademais da súa chave de humor, consiste no contraste entre unha xuventude pegada ao Instagram e outra ás lendas de lareira.

A obra foi representa este verán no paseo da Foz ao aire libre como antesala ao Nigrán Jazz. Por iso, Rodríguez decidiu presentar este sábado unha versión modificada de Distintas Compañías para continuar sorprendendo no auditorio do Concello. Un novo escenario que suma a xira deste obra coa que Teatro do Ar xa actuou en Gondomar, Oia, Nigrán, Vigo e Antas de Ulla (Lugo).

Teatro do Ar é unha compañía de rapaces entre 16 e 24 anos que se creou fai oito anos. Colaboran en proxectos de teatro social e xa recorreron gran parte de Galicia coas súas actuacións.

Anuncios