Masterclass contra a obesidade infantil no CEIP Mallón

A Fundación España Activa, cuxo obxectivo é fomentar a práctica da actividade física e o deporte, mellorando así os hábitos de vida saudable das persoas, intensifica a súa loita contra a Obesidade e contra o Sedentarismo no Día Mundial contra a Obesidade. Esta secuela, cada vez máis estendida na nosa sociedade alcanza xa cifras alarmantes. No caso dos máis novos, estes datos son realmente preocupantes: 4 de cada 10 nenos en España teñen sobrepeso e só o 36,4% cumpre as recomendacións de práctica de actividade física da OMS (datos publicados no Estudo Pasos da Fundación Gasol).

A campaña, “Actívate por unha vida mellor”, ten como obxectivo concienciar aos máis novos de que a práctica de actividade física e deporte, non só achegan beneficios tanto físicos como psíquicos, senón que ademais pode resultar unha forma de lecer moi divertida.

Co claim “Actívate e divírtete cos teus amigos”, a Fundación co inestimable apoio dos seus centros deportivos asociados, estará presente o día 12 de novembro en 20 colexios distribuídos por 17 cidades de distintas comunidades. Entre os centros educativos participantes está o CEIP Mallón de Nigrán, no que técnicos da Piscina Mancomunada do Val Miñor impartirán unha masterclass gratuíta, ás 9:30 da mañá, para que os nenos e nenas fagan exercicio de maneira lúdica e divertida. Lerase tamén un manifesto elaborado pola Fundación, a favor da promoción do deporte e a actividade física, para unir forzas entre as institucións públicas e privadas, para que se traballe de maneira conxunta en estimular, facilitar e impulsar o acceso á actividade física e o deporte de todos os nenos e nenas do noso país.

Estas actividades entran dentro do proxecto de loita contra o Sedentarismo Infantil e Xuvenil, que a Fundación puxo en marcha en 2015 e onde se visitaron centros educativos de todo o territorio nacional concienciando aos máis novos dos beneficios que a práctica da actividade física ten na súa vida.