Gómez quere reunirse con Almuiña para resolver a “alarmante” situación do Centro de Saúde

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Baiona.

Os socialistas de Baiona denuncian nun comunicado a “alarmante” situación da atención primaria no Centro de Saúde da localidade. Ante a baixa de tres facultativos nas últimas datas tan só se promoveu a incorporación dun, provocando que as citas para os pacientes conten con ata 10 días de retraso.

“Ante esta problemática a Xerencia do Sergas da Área de Vigo confirma esta falta de atención ao cidadán, sen aportar ningunha medida para a súa solución. Dende o PSOE de Baiona consideramos que estase a maltratar á veciñanza da nosa vila e a día de hoxe non temos constancia das medidas que levará a cabo para resolver esta cuestión o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña”, sinala Fernando López Maciel.

“Estamos a comprobar como unha vez máis os fins partidistas do Partido Popular están a xerar máis danos que beneficios na veciñanza de Baiona, sendo o Partido Socialista o único que está sempre no lado da resolución dos problemas. Convidamos ao Conselleiro de Sanidade a que se entreviste co Alcalde, Carlos Gómez Prado, e lle aporte as solucións precisas para dotar ao persoal do centro dos medios necesarios para desenvolver as súas tarefas. De non afrontar esta problemática nestes termos amosaría unha falta de respecto institucional ante una Administración Pública Local que el mesmo xestionou no pasado”, conclúe o Secretario de Organización do PSOE de Baiona.

Anuncios