Baiona adhírese por primeira vez á campaña “En negro contra as violencias”

O Concello de Baiona adheriuse este ano por primeira vez á campaña “En negro contra as violencias”, que se iniciou no ano 2015 impulsada pola Administración local en Santiago de Compostela e que este ano acada xa a participación de 119 concellos. O obxectivo da campaña é sensibilizar contra as violencias machistas e implicar a toda á cidadanía.

A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, iniciou os contactos cos centros educativos municipais e asociacións locais para implicalas na difusión da campaña. Esta desenvolverase no municipio na semana do 18 ao 25 de novembro. Dende a Concellería de igualdade proponse vestir de loito a vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte. “Porque consideramos que comercios, establecementos e entidades asociativas son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos unha Baiona libre de violencias machistas!”, sinala a edil.

Por elo a concelleira de igualdade informa a todas aquelas entidades, asociacións, comercios, establecementos que queiran participar na difusión da campaña contacten a través do correo electrónico baionaennegro@gmail.com indicando o seu nome e teléfono de contacto. Facilitaráselle diverso material para tinguir de negro Baiona.

Salientar que na organización da campaña colabora activamente o alumnado do ciclo superior de animación sociocultural do IES Primeiro de Marzo.

Anuncios