A nova rede de abastecemento chega a máis de 500 familias de Parada e Camos

O Concello de Nigrán, a través da súa concesionaria Aqualia, puxo esta semana en funcionamento a nova rede de abastecemento municipal de auga que prové a boa parte de Parada (barrios de Nandín, Igrexa, A Rúa, Con e A Reboreda) e que chega a Camos (barrios de Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos). O subministro é xa efectivo tras recibir a autorización sanitaria definitiva da Consellería a inicios de mes. En total, máis de 500 familias beneficiadas desta actuación poden solicitar xa nas oficinas de Aqualia en Nigrán (Avda. Val Miñor, 2) a súa conexión á rede pública (todas agás as vivendas situadas en Nandín despois da ponte da autoestrada, neste caso o Concello está pendente de que a compañía eléctrica dea subministro). A actuación, cun orzamento de 350.000 euros para dotar de abastecemento e 70.000 para instalar o saneamento na zona, foi financiada integramente por Aqualia froito dun acordo co Concello.

Esta ampliación púidose levar a cabo despois de que Augas de Galicia instalase unha canalización xeral que discorre ao longo de 2.500 metros desde o torreiro de As Angustias ata o Centro Cultural A Camoesa (PO-332, rúa dos Pazos) e que posibilita agora conectar estas novas redes secundarias ás poboacións da zona. A nova canalización, de máis de 5.000 metros, realizouse con conexións directas á tubaxe xeral instalada na PO-332 e, ao mesmo tempo, foi necesario instalar unha bomba de impulsión que permite elevar a auga á parte máis alta (Nandín).

Esta obra, sumada á outra de abastecemento a Parada polo barrio da Carrasca (concluídas no 2018 e cun investimento de 457.000 € por parte do Concello) permiten ofrecer subministro público de auga a practicamente á totalidade da parroquia e, por vez primeira, chegar a Camos (parte baixa).

“O Concello ten un compromiso total e absoluto por ampliar a rede de abastecemento e de saneamento a tódalas parroquias e por iso traballamos firmes nesa dirección; é algo básico para a veciñanza, máximo en tempos de seca como os que sabemos imos a seguir afrontando, xa que moitas familias da zona ata agora dependían exclusivamente da auga do pozo e das traídas comunais”, insiste Juan González, alcalde de Nigrán. Ademais, dáse a circunstancia de que nestas parroquias a necesidade de auga potable vese incrementada exponencialmente polo aumento de poboación nos últimos anos, coa previsión de que siga multiplicándose.

Anuncios