
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta activou unha alerta laranxa para mañá por temporal costeiro en todo o litoral galego. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comeza este luns a partir das 9,00 horas e estenderase a toda a costa. Agárdanse ventos do oeste ao noroeste de forza 8 e ondas de ata 7 metros. A borrasca vai deixar tamén refachos de vento en nivel de alerta amarelo na franxa costeira e no interior das provincias da Coruña e Lugo, así como na montaña da de Pontevedra.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.