A compañía Chévere estrea o programa teatral de outono en Gondomar

O vindeiro sábado 9 novembro o Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar subirá o pano da programación teatral de outono, coa representación de “Curva España” a cargo da compañía Chévere teatro. A función comezará ás 20:00 horas da tarde e a entrada, cun prezo único de 3,50 euros, poderase adquirir unha hora antes no despacho de billetes.

A obra de teatro, un espectáculo de formato medio con catro persoas no escenario, ironiza sobre o xénero documental combinando a representación teatral co cinema en directo. En “Curva España” abórdase un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre as súas causas, motivacións e consecuencias.

Chévere teatro parte dunha historia local, un relato transmitido de xeración en xeración e ao que, os seus integrantes afirman “achegámonos con todo o coidado, documentándonos en bibliotecas e arquivos, e manoseando moitos documentos”. Definen “Curva España” como “un cruzamento entre realidade e ficción sobre o escenario” empregando para iso unha posta en escena na que se emprega unha narrativa cinematográfica documental construída en directo, a partir da re-mestura de escenas cos actores filmadas en tempo real á vista do público e entrevistas gravadas con persoas reais.

A representación inaugura a programación teatral de outono da Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia, a través da Concellería de Cultura de Gondomar, e que se desenvolverá ao longo do presente mes de novembro.

Anuncios