A Agrupación Musical de Belesar, terceiro premio no XIII Certame Galego de Bandas de Música

A Agrupación Musical de Belesar conseguiu este domingo un terceiro premio no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. A formación da parroquia baionesa fíxose co bronce na Sección Terceira, na que participan bandas de ata 50 músicos, con 446 puntos. O premio está dotado con 1.000 euros.

A Agrupación Musical de Goián resultou a gañadora, con 481 puntos, mentres que a Banda de Música Vila de Cedeira foi segunda, con 446 puntos. A Agrupación Musical de Belesar, dirixida por Javier Domínguez Millán, interpretou “Calamber” de Xosé Luis Represas Carrera e “Fortaleza” de Andrés Álvarez Hernández, ademais da obra proposta pola organización, “Memoria da Gallaecia”, de David Rivas Domínguez.

Esta edición do Certame foi a máis internacional e numerosa de todas as celebradas ata o momento, congregando no Auditorio de Galicia 1.300 músicos de 21 formacións, das que 16 eran galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León. Os mestres Frank de Vuyst, Laurence Roman e Luis Serrano Alarcón foron os integrantes do xurado, que deu a coñecer o nome das formacións gañadoras durante o acto de clausura do domingo.

Concedéronse tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións que suman 23.475 euros.

Anuncios