O pleno de Nigrán aproba por unanimidade o orzamento de 2018

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Pleno de Nigrán.

O goberno de Nigrán acadou no pleno ordinario de onte a aprobación do orzamento deste ano co voto a favor de toda a corporación. Así, o importe total das contas pasa dos 13.609,581 € de 2016 a 15.676.749 € en 2018, todo elo sen incrementar ningún imposto municipal e situando como eixo prioritario a atención ás persoas. No pasado pleno de marzo aprobárase unha emenda do PP para non sometelo a votación e o goberno decidiu volver a presentalo na sesión de abril tras negociar con UCN e BNG a incorporación de máis achegas (a maiores das xa realizadas dende outubro por todos os grupos políticos). Finalmente, ademais dos votos a favor de BNG e UCN, o goberno onte acadou tamén o apoio do PP e Nigrán Decide tras dar luz verde toda a corporación a unha emenda parcial dos populares que supón levar ao pleno todas as futuras modificacións de crédito, incluídas ás da Alcaldía.

«Son unhas contas que o goberno considera froito do traballo conxunto realizado con toda a corporación dende o mes de outubro, polo que estamos seguros de que é o mellor dos orzamentos para toda a veciñanza», resume o alcalde, Juan González, quen destaca que, «por vez primeira en 20 anos non se dota ningunha partida para sufragar créditos porque o Concello actualmente ten débeda 0». Así, o documento reserva unha partida específica para a construción da nova biblioteca (1.849.000 €); incorpora un incremento de 55.000 € máis á Mancomunidade do Val Miñor para asumir os compromisos co GES; reitera o compromiso con “Un Nigrán para todos” mediante a creación dun plan específico de emprego co Centro Juan María… E entre os investimentos atópase o saneamento de Lagoíña, Xestal e Palomar (Priegue) e Areíña en Parada; a humanización da rúa do Ceán ou Camiño Vello en Nigrán e da rúa Igrexa en Chandebrito; a renovación das beiravías da contorna do Pavillón Municipal…

Cesión do PXOM

Outro dos asuntos clave do pleno de onte era a moción do goberno que expoñía a cesión da redacción do contrato do PXOM de Eptisa a Alfonso Botana S.L. (empresa creada polo equipo técnico de Eptisa tras renunciar esta multinacional á súa sección de planeamento e, con elo, a tramitar o PXOM de 16 municipios galegos). Tras un debate de preto de dúas horas con posturas e opinións dispares, e ante a posibilidade de que a cesión non saíse adiante, o goberno asumiu a proposta da oposición para deixar o tema enriba da mesa co compromiso de presentalo ao vindeiro pleno cunha documentación da motivación da cesión máis ampla. De feito, de ter resolta esta motivación nos vindeiros días, o goberno convocaría un pleno extraordinario para non ter que agardar ao ordinario do 24 de maio.

«Foi un debate intenso que non quedou en balde porque cremos que serviu de oportunidade para achegar posturas e volver a traer a cuestión en maio cun maior consenso de toda a corporación de cara a súa aprobación. Hai un mes retiramos a moción dos orzamentos da mesa e hoxe están aprobados por unanimidade, polo que estamos seguros de que a oposición de novo actuará de xeito responsable e a aprobará a cesión», sinala o alcalde, Juan González. «Unha vez realizada a nova proposta coa maior xustificación e todos os informes preceptivos, agardamos que non exista ningunha outra escusa para apoiar unha cesión vital para ao municipio», engade Diego García, edil de Urbanismo.

PLENO NIGRÁN
FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Pleno de Nigrán.