Víctor Santos deixa de ser adestrador do Gondomar CF

O Gondomar Club de Fútbol informa que no día de onte, Víctor Santos deixou de ser adestrador do equipo. “Logo de aterrar no club a pasada tempada e apostar por nós nun momento de extrema dificultade, non queda outra que agradecer ao técnico a súa implicación, profesionalidade e trato para coa historia deste centenario club”, destacan desde a entidade.

“Pese á mala situación deportiva do ano anterior, Víctor decidiu seguir apostando por nós nunha nova categoría e asumiu con ilusión e moito traballo o novo reto. Logo do inicio de competición os camiños sepáranse, e dende o club non podemos máis que desexarlle o mellor no seu futuro persoal e profesional, esperanzados en que pronto asuma un novo reto á súa altura humana e deportiva. Grazas por todo, que foi tanto, mister”, engaden desde o Gondomar.

Na agarda do novo técnico, o equipo suspendeu hoxe a festividade de todos os santos e adestrará ás ordes do director deportivo Manu Cerón, quen dirixirá de forma interina o encontro do domingo ante o CD Nieto (16:30 no campo do Meixoeiro en Vigo). A partires de aí, será un novo técnico quen dirixa o equipo, e así dispoña de toda a semana para traballar co persoal antes do seguinte compromiso.