
A Agrupación Musical de Belesar participará esta fin de semana na décimo terceira edición do Certame Galego de Bandas de Música Populares, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. Será a máis internacional e numerosa de todas as celebradas ata o momento, xa que os vindeiros días 2 e 3 de novembro congregará no Auditorio de Galicia 1.300 músicos de 21 formacións, das que 16 son galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León.
As bandas interpretarán un pasodobre de presentación e, xa en concurso, unha obra de libre de elección e outra de autoría galega proposta pola organización. A Agrupación Musical de Belesar será unha das formacións participantes na Sección Terceira, e actuará o domingo día 3 ás 12:40. Ademais da obra obrigada, “Memoria da Gallaecia”, de David Rivas Domínguez, interpretará “Calamber” de Xosé Luis Represas Carrera e “Fortaleza” de Andrés Álvarez Hernández.
O Certame Galego de Bandas será retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube. Nesta 13ª edición avánzase nas novidades introducidas en 2018 para abrirse á participación de bandas doutros puntos da Península, neste caso procedentes de Benavente e de Portugal. Xunto con elas, unha importante representación galega dará conta do bo momento que están a vivir as bandas na nosa Comunidade e da súa proxección exterior.
Así mesmo, continuarase coa distinción instaurada o ano pasado para premiar o mellor director do certame, en colaboración coa Escola Galega de Dirección de Banda, e mais coa última estrutura da competición clasificada en cinco seccións: infantil, xuvenil, primeira, segunda e terceira.
Os mestres Frank de Vuyst, Laurence Roman e Luis Serrano Alarcón son os integrantes do xurado, que dará a coñecer o nome das formacións gañadoras durante o acto de clausura do domingo. Concederanse tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións que suman 23.475 euros, e tamén se poderá outorgar en cada sección (agás na infantil) un recoñecemento económico á mellor interpretación dunha obra galega.