Marcos Serrano regresa ao Vigo-Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Marcos Serrano.

O Vigo-Rías Baixas e Marcos Serrano rodan de novo xuntos. O ex corredor profesional de Chapela volve asumir a dirección deportiva dous anos despois de pechar a súa primeira etapa na entidade presidida por José Luis Chamorro. Con este regreso o conxunto flúor aposta por volver ás súas orixes para dar un novo impulso ao seu proxecto.

Serrano formou parte desta estrutura durante case catro tempadas. No 2014 exerceu de técnico adxunto e desde o 2015 ata agosto de 2017 asumiu o volante do equipo Elite e Sub-23. Baixo a súa dirección, o Rías Baixas protagonizou un espectacular crecemento deportivo e converteuse nunha escuadra de referencia dentro do campo amateur español.

Sendo fiel a un estilo de ciclismo ofensivo e confiando nos novos valores, o preparador redondelán levou ao club para conseguir o triunfo máis especial da súa historia: a Volta a Galicia 2016 conquistada por Samuel Blanco. A Volta a Segovia, a León e varios campionatos autonómicos, de contrarreloxo e de fondo na estrada, foron outros éxitos dunha etapa na que varios corredores deron o salto desde o Rías Baixas ao pelotón profesional.

Unha vez desvinculado do Club Ciclista Padronés, formación á que pertenceu os dous últimos anos, Serrano aceptou a proposta do conxunto olívico. Este acordo tamén reforza a relación que une ao Vigo-Rías Baixas con Amura, o seu provedor de equipamentos deportivos, firma para a que traballa o gañador de etapa do Circuíto 2005.

A directiva e o novo máximo responsable técnico xa traballan na confección do persoal para a campaña 2020. A nómina de corredores pouco terá que ver coa do último curso. O primeiro reforzo foi o de Brais Gómez, actual campión de Galicia júnior de contrarreloxo, e nas próximas semanas está previsto que se oficialicen varias incorporacións.