Irene Gafaell e Desirée Vila dan leccións de vida no IES Terra de Turonio

Este mércores visitaron o IES Terra de Turonio a domadora galega Irene Gefaell e a deportista Desiré Vila, ex alumna do centro.

Irene Gefaell achegouse ao centro para impartir unha charla ao alumnado do Ciclo de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural e a alumnado da ESO. Antes diso gravou unha entrevista en Radio Turonio, a radio do centro. Raquel foi a alumna encargada de preguntar pola súa relación cos cabalos. No Ciclo impártese un módulo onde o alumnado aprende a montar para conducir grupos a cabalo.

Irene Gefaell falou sobre a súa experiencia na doma de cabalos e en diversos aspectos do mundo equino como a súa biomecánica, etoloxía e coidados. Que sinte un cabalo? Como ve o mundo? Cal é a súa vida? Estas foron algunhas das preguntas ás que Irene deu resposta acompañada de imaxes e vídeos da súa experiencia. Irene é unha recoñecida especialista en doma natural e conta cun centro de recuperación cabalar destinado a equinos maltratados.

Tamén tivo oportunidade de coñecer o proxecto Ceibes no monte (www.ceibesnomonte.com) que o instituto desenvolve desde hai anos e no que se realizaron exposicións e publicacións como o libro Ceibes no monte co que foi agasallada.

Irene Gefaell ten impartido charlas por toda a península ibérica. Naceu en Portugal e actualmente reside en Pontevedra.

Desi Vila, ex alumna do centro, foi recibida cunha calorosa ovación por parte do alumnado do centro. A súa exposición foi todo o percorrido pola súa carreira de superación persoal que a levou a converterse nunha deportista que vai competir no próximo mundial de atletismo en Dubai do 7 ao 15 de novembro. Precisamente este foi un dos últimos actos antes de partir para o campionato mundial o vindeiro sábado.

Desi lembrou o seu paso polo instituto e aos seus colegas que aínda conserva como amizades. Falou sobre o seu accidente como ximnasta e do posterior proceso de adaptación ás próteses. Contou que o deporte sempre foi unha faceta que estivo presente na súa vida e que agora mesmo é un dos seus intereses principais xunto coa súa formación, a carreira de Relacións Internacionais en Madrid, onde reside.

Desi tamén gravou unha entrevista en Radio Turonio e atendeu todas as solicitudes de fotos e selfies do alumnado.

Desde o instituto van transmitirlle a Desi todo o apoio para que o campionato do mundo de Dubai sexa un éxito para poder estar en Tokio nos próximos xogos olímpicos.

Desde a dirección do IES Terra de Turonio véñense realizando actividades que promoven a igualdade e ao mesmo tempo poñen en valor o esforzo e o exemplo de mulleres que son modelos para o alumnado.