Camos acolle a II Galaicaintegración Val Miñor

Tras o evento realizado o ano pasado no Centro Cultural de Vilaza, en colaboración co Concello de Gondomar, o motoclub Galaicosquad Val Miñor realiza este ano a II Galaicaintegración Val Miñor no Concello de Nigrán este sábado día 2 de novembro. O obxectivo é promover a convivencia, diversión, entusiasmo, empatía, xenerosidade, etc. de todos os participantes desta actividade, a cal conta en principio coa participación de diferentes entidades e asociacións como é Down Vigo, Bicos de Papel, Teavi, Juan María, Andaina e Un Máis.

Este evento conta cun número de participantes de entre uns 100-110 nenos que serán os protagonistas nun día tan especial, no que se trata de convivir nun ambiente natural, onde o quad é o aliciente para que todos os participantes poidan gozar del, facendo un roteiro por un circuíto de aproximadamente tres quilómetros en quad, por diferentes pistas do monte. Ao mediodía reuniranse para xantar, momento no que poderán intercambiar opinións acerca da experiencia vivida, favorecendo a relación entre todos os participantes do evento.

Como novidade este ano, despois de comer contarán coa presenza dos bombeiros de Nigrán e a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra, para que os nenos poidan ter un contacto directo tanto co corpo de bombeiros como coa Garda Civil. Para finalizar a xornada levarán a cabo diversos xogos nos que o quad seguirá sendo o complemento perfecto para poñer o broche final a esta xornada de convivencia quatreira.

Para os participantes nesta actividade, fáiselle entrega en canto chegan ao lugar, dunha pañoleta e unha camiseta, que quedará como recordo conmemorativo dun día diferente e seguramente especial.

Para levar a cabo este evento e atender a demanda de tantos nenos congregados nun día, o motoclub conta coa colaboración de quads provenientes de diferentes lugares, como son Asturias, Cantabria, País Vasco, Madrid e Comunidade Galega, persoas relacionadas ao mundo quatreiro que colaboran de forma totalmente altruísta e desinteresada, para poder satisfacer, convivir e enriquecer un día diferente na vida de todos os participantes.

O evento desenvolverase nas instalacións dos Barreiros, en Vilar- Camos, desde as 10:30 horas, momento no que serán recibidos os primeiros nenos para que sobre as 11:00 horas se empece a facer o circuíto ata as 14:30 horas. Despois de xantar e ás 16:00 horas terá lugar a presentación do corpo de bombeiros e DXT. Sobre as 17:00 horas retomarase o circuíto ata as 17:30 horas, e a partir desta hora ata as 20:00 horas realizaranse os xogos.

O motoclub Galaicosquad Val Miñor é unha entidade sen ánimo de lucro que se fundou no ano 2017 por un grupo de amigos aos cales lles une a afección do mundo do quad. Aínda que a súa creación é recente, os seus integrantes teñen unha longa traxectoria na realización, colaboración e fomento de diferentes tipos de eventos, polo que a experiencia neste tipo de actividades garante un resultado satisfactorio na confección dos devanditos acontecementos.

Anuncios