Un plan de axuda aos pacientes para afrontar a dor crónica

A Consulta de Enfermaría da Unidade da Dor da Área Sanitaria de Vigo, que está situada no Hospital do Meixoeiro, leva a cabo, entre outras actuacións, un plan de axuda para que o paciente afronte a dor crónica. Un plan que ten como obxectivo fomentar o autocoidado e xestionar mellor a dor por parte do doente.

O plan baséase en proporcionar aos pacientes unha serie de pautas, tanto de conduta como para seguir o seu tratamento, que permita aos enfermos manexar por si mesmos determinadas situacións que poden acontecer na súa vida diaria. Desta forma, o paciente pode poñer en práctica os coñecementos adquiridos e aplicalos en episodios de dor que poidan sobrevir.

A enfermeira da Unidade María Jesús Goberna realizou unha enquisa de satisfacción e outra de resultados sobre o mencionado plan. Cada unha das enquisas constaba de dez ítems cada unha e realizáronse cos pacientes con fibromilaxia que acudiron á consulta e que aceptaron participar no estudo.

Co material obtido nas distintas enquisas, Goberna elaborou un traballo titulado “Avaliación da calidade e efectividade da actuación enfermeira en pacientes con fibromialxia”. O estudo presentouse no Congreso Nacional da Sociedade Española da Dor, celebrado este ano en Zaragoza, e foi escollido entre os 10 mellores presentados e posteriormente, premiado.

De acordo cos resultados obtidos na avaliación, máis do 92% dos pacientes recoñeceron ter aprendido, en maior ou menor grao, estratexias para o manexo da súa enfermidade.

A análise dos resultados sobre a satisfacción obtida pola atención de enfermaría na Unidade, o 51% dos enquisados considerárona excelente; o 31%, moi boa; e o 16%, boa. Un 1% considerou a atención pobre e outro 1% evitou pronunciarse.

“Son uns resultados moi bos e anímannos a seguir con iniciativas similares para que os nosos pacientes poidan facer fronte ás súas doenzas dunha forma cada vez máis levadía”, subliñou María Jesús Goberna.

Máis de 16.000 pacientes ao ano

A Unidade do Dor da Área Sanitaria de Vigo atendeu, no último ano, un total de 16.334 pacientes, entre consultas e técnicas intervencionistas. Na consulta específica de enfermaría foron atendidos 3.102 pacientes no mesmo período.

A Unidade da Dor está especializada no manexo e tratamento de todo tipo de cadros dolorosos complexos, especialmente aqueles resistentes á medicación convencional, ou en casos de pacientes especiais que non toleren eses tratamentos ou precisan fármacos e técnicas especiais para atallar as súas doenzas.

Xornada sobre a dor oncolóxica

Precisamente, esta fin de semana celebrouse en Vigo a primeira edición de Tecnofórum, unha iniciativa de encontros clínicos multidisciplinares que busca mellorar a abordaxe da dor crónica e a espasticidade. Ao longo dos dous días que durou o encontro, oncólogos, terapeutas da dor, paliativistas, radioterapeutas e médicos de familia achegaron posturas sobre o manexo de pacientes con dor oncolóxica refractario.

Entre os temas tratados, a tecnoloxía ocupou un lugar destacado xa que “ten un papel importante na mellora da calidade de vida dos pacientes, grazas ao advenimento de sistemas de infusión de fármacos na proximidade da medula, ou a posibilidade de dirixir os fármacos a certas dianas analxésicas no interior do organismo por medio de ecografía, TAC ou outra técnica de imaxe”. Ademais, “a existencia de sistemas de estimulación medular ou de nervios periféricos, poden ser un exemplo de como a tecnoloxía pode achegar calidade de vida a estes pacientes, en especial a aqueles que sobreviviron ao seu proceso oncolóxico e que presentan secuelas en forma de dor crónica”, explicou o doutor Alfonso Carregal, anestesiólogo da Unidade da Dor da Área Sanitaria de Vigo, que participou nas xornadas.

Anuncios