Interceptado un arrastreiro faenando en fondo prohibido e fóra de horario entre as Cíes e A Guarda

O servizo Marítimo da Garda Civil da provincia de Pontevedra sorprendeu esta fin de semana un arrastreiro, con base no porto de Marín, faenando irregularmente.

Os feitos sucederon sobre as 14 horas do pasado sábado cando a tripulación da patrulleira Corvo Mariño do Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra detecta un pesqueiro da modalidade de arrastre, que navegaba a escasa velocidade, entre as Illas Cíes e A Guarda co sistema de localización identificación automático (AIS) apagado.

Unha vez interceptado púidose comprobar que estaba a faenar na modalidade de arrastre de fondo e foi conducido cos aparellos de pesca ata o Porto de Vigo onde, unha vez examinada a documentación do barco e da tripulación formuláronselle varias denuncias administrativas.

Unha das infraccións denunciadas foi por pescar fóra do período de actividade autorizado, tendo en conta que segundo a lexislación vixente “as embarcacións deberán cesar a súa actividade e permanecer no porto desde as 24 horas do venres ata as 24 horas do domingo…”.

Dentro da mesma orde de actuacións, denunciouse tamén por faenar en fondo prohibido e por levar apagado o sistema de localización automático (AIS).

Por outra banda, incautáronselle 320 quilos de peixe que foi entregado no banco de alimentos de Pontevedra.

Anuncios