A Biblioteca de Gondomar acolle unha sesión de contos inclusivos e afastados de estereotipos

Baixo o título “Cambia o Conto” a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá este sábado unha nova actividade pensada para os máis pequenos, apostando pola diversión como medio de aprendizaxe en valores como os da igualdade e a inclusión. A actividade, que se enmarca dentro do programa “Ler conta moito”, comezará ás 18:00 horas e estará aberta ao público en xeral.

Este novo espectáculo-obradoiro correrá a cargo de “Música Miúda” e os seus integrantes contarán, como xa é habitual nas súas actuacións, coa colaboración dun pequeno axudante: Bemol Pequeno. Con el son moitos os que aprenderon curiosidades sobre os instrumentos e a música e, agora, con “Cambia o Conto” poderán traballar sobre os estereotipos de xénero que existen nos contos tradicionais.

“Cambia o Conto” permitirá traballar sobre esta cuestión convidando os nenos e nenas a analizar contos que xa coñecen e refacer a historia, neste caso adaptándoa a unha realidade inclusiva en termos de xénero. Ademais, non faltará un contacontos musical a partir de textos propios, sempre desde a perspectiva da educación en valores de igualdade real.

Con esta actuación a Concellería de Educación pecha o ciclo de actividades desenvoltas desde o pasado mes de outubro, no marco do programa “Ler conta moito”, promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, co fin de dinamizar as bibliotecas e fomentar a lectura.

Anuncios