O PP culpa á “incompetencia do alcalde” de que non haxa investimentos da Xunta en Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Otero Pedrayo.

O Partido Popular de Nigrán considera que non é de recibo que o alcalde, Juan González, despois de manifestar a súa decisión en canto ao proxecto de mellora da rúa Otero Pedrayo, de facelo con fondos do Concello, “veña agora a racharse as vestiduras simplemente porque lle fixeron caso, o que é dun nivel de irresponsabilidade inclasificable”. Segundo os populares, a Consellería esperaba unha proposta de convenio para levar adiante este proxecto, “pero o alcalde foi de sobrado, non aproveitou a oportunidade para obter o compromiso de convenio para este proxecto, e agora quéixase de inxustiza… sen comentarios”.

“A Xunta de Galicia como todas as administracións, basean os seus investimentos en boa parte polas propostas dos propios Concellos, neste caso Baiona e Oia fixeron os deberes e prepararon e negociaron proxectos de investimento para os seus respectivos municipios. Mentres tanto que fixo o Sr. Alcalde de Nigrán do PSOE, pois estar moi ocupado en eventos de todo tipo para saír na foto e sen xestionar o importante para os veciños de Nigrán, iso é o que temos en Nigrán, un alcalde moi popular que non sabe xestionar un Concello, e o que sabe facer moi ben é botar a culpa a outros da súa incapacidade de xestión, verdadeiramente lamentable”, sinalan desde o PP.

“O que non teña orzamento para a reparación de emisario submarino, é máis do mesmo, nin sequera solicitouno formalmente, só pola prensa… e así non se xestiona Sr. Alcalde, hai que ir ás Consellerías, facer proxectos, negociar, moverse… en resumo xestionar, algo que o Sr. González non sabe facer, como é público e notorio, e esta é unha mostra máis da súa incompetencia”.

En calquera caso, desde o Partido Popular de Nigrán afirman que apoiarán as demandas do alcalde, “como non pode ser doutra forma, xa que ambas as dúas obras son un claro beneficio para Nigrán, o que lamentamos é que, a estas alturas, co orzamento feito, vai ser complicado conseguir eses investimentos, que unha vez máis manifestamos que se non están no orzamento da Xunta, é sinxelamente porque o noso Sr. Alcalde do PSOE non o solicitou en tempo e forma, e agora laméntase… impresentable”, conclúen.