O patinador gondomareño Joel Ribeiro proclámase subcampión de España

FOTO: CPA GONDOMAR // Joel Ribeiro, Sofía Costas, Noa Álvarez e Ainhoa Vidal.

Esta fin de semana disputouse en Zaragoza o Campionato de España de Patinaxe Artística das categorías alevín e infantil. O encontro realizouse no Pavillón Século XXI, o cal acolleu a competición con máis de 1000 persoas asistentes que puideron gozar coas novas promesas deste deporte.

Esta foi a edición na que participaron patinadores co maior nivel técnico da historia da patinaxe artística nestas categorías e o Club de Patinaxe Artística Gondomar tivo a súa representación con catro dos seus patinadores, conseguindo traer unha prata con Joel Ribeiro Díaz. Sofía Costas finalizou na sexta praza, Noa Álvarez foi décimo oitava e Ainhoa Vidal vixésimo terceira. Todos eles patinadores do director técnico galego David Figueroa, quen os acompañou nos seus programas curto e longo, sendo artífice dos mesmos.

Os duros adestramentos efectuados a diario xunto ao seu adestrador Figueroa deron o seu froito selando unha traxectoria ascendente para o CPA Gondomar na actual tempada de patinaxe artística.

Anuncios