Nigrán estrea o programa “Coñecendo a pé a nosa contorna” cunha andaina polo Camiño de Santiago

O Concello de Nigrán estrea este venres 25 de outubro o seu programa destinado aos maiores do municipio “Coñecendo a pé a nosa contorna” cunha andaina polo Camiño Portugués pola Costa dende Priegue á Ramallosa. O obxectivo deste novo programa de lecer deseñado para a xente de idade é promocionar o exercicio físico e a socialización, dúas cuestións fundamentais para manter unha vida saudable.

O Concello dispoñerá dun autobús gratuíto dende o Centro da Terceira Idade, onde os interesados en participar se deberán presentar ás 9:30 horas (non é preciso inscrición previa) e onde rematará a andaina sobre as 12:30 horas. A duración aproximada será dunhas 3 horas e a dificultade é baixa, xa que precisamente se decidiu facer en sentido Priegue-A Ramallosa para evitar costas. A andaina incluirá sendas visitas ao Pazo de Cea (Nigrán) e ao de Pías (A Ramallosa). Recoméndase levar roupa e calzado axeitado e auga.

Anuncios