Sin categoría

As concelleiras de Servizos Sociais do Val Miñor comezan a traballar no seu proxecto común

Hoxe pola mañá as concelleiras responsables da Área de Servizos Sociais dos Concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, Concepción Vara, Bibiana Peixoto e Nuria Lameiro, reuníronse no Concello de Gondomar para empezar a traballar no seu proxecto común. A iniciativa destas reunións nace dende a concelleira de Baiona, Concepción Vara, xa que consideraba que os problemas dos usuarios dos servizos en Baiona poderían ser semellantes ou ter similitudes dos usuarios dos demais concellos que forman o Val Miñor.

A primeira reunión a tiveron entre Baiona e Nigrán. Xa nesta primeira toma de contacto as dúas concelleiras, Concepción Vara e Bibiana Peixoto, constataron as semellanzas das necesidades dos usuarios de ambos servizos nos seus municipios. Hoxe súmase a esta reunión a concelleira de Gondomar, Nuria Lameiro, xa que é necesario e imprescindible comezar a preparar o proxecto común para o Val Miñor, adquirindo melloras para os servizos que prestan nestas áreas e así verse beneficiados todos os usuarios dos mesmos.

Nos próximos días as tres concelleiras, xunto coas técnicas do seu departamento, realizarán unha visita a Tomiño para coñecer de primeira man o proxecto que desenvolven, o cal está acadando resultados moi positivos, e aproveitar a mesma para manter unha reunión coa dirección. Consolídase así o inicio dunha traxectoria que comeza un percorrido de busca de solucións e adquisición de experiencias e coñecementos para o desenvolvemento de proxectos en común.