A solidariedade dos profesionais da Área Sanitaria de Vigo

Un grupo de profesionais da área de Vigo presentaron hoxe a terceira edición do calendario solidario “Amanecer 2020”, que eles mesmos realizaron e protagonizaron. Os beneficios do calendario irán destinados á Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, ADROVI, e á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea, ASOTRAME.

Este grupo, coordinado polas TCAEs (Técnicas de Coidados Auxiliares de Enfermaría), Carmen Pellitero e Montse Álvarez, está composto por 26 traballadoras e traballadores de diferentes categorías profesionais, xa que ademais da enfermaría participaron celadores, azafatas, persoal de seguridade así como o facultativo e xefe de servizo de HADO, Luis Amador. Este ano contaron tamén coa participación de catro actores galegos, Carlos Blanco, Antonio Durán “Morris”, Mon Santiso e Covadonga Bernardiñas.

Na presentación do calendario, que foi presidida polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, contouse coa presenza do fotógrafo responsable das imaxes do mesmo, Anxo Barral; e de Luis Cortes, paciente transplantado e colaborador deste proxecto.

Unha das coordinadoras, Carmen Pellitero, afirmou que- “ano tras ano viñemos superando as nosas expectativas, e o que empezou por unha pequena loucura de sete persoas do servizo de Urxencias do Cunqueiro foise estendendo entre o persoal, e acadamos que nesta edición participase 26 compañeiros doutros hospitais do CHUVI. Ademais, temos que agradecer moi especialmente a colaboración desinteresada dos actores galegos que non dubidaron en ofrecernos o seu apoio e sobre todo do fotógrafo e artista Anxo Barral, que fixo posible este calendario, e de Luis Cortés, un dos seus principais impulsores”-.

Este ano realizarase unha tirada inicial de 1.800 calendarios e a previsión é superar os 12.000 euros de recadación da anterior edición.

Temática Futurista inspirada no cine

A temática do calendario recrea un posible futuro distópico sobre a evolución do ser humano e a súa relación coa tecnoloxía, a intelixencia artificial e, en definitiva, a interacción home-máquina.

“Para isto non recorremos á socioloxía, nin á filosofía, a física ou ningunha outra ciencia predictiva, senón á ferramenta máis poderosa que temos, a imaxinación. E neste senso, o cine é a fonte con máis acertos no futurible e no imaxinativo”- expricou o fotógrafo Anxo Barral.

Así, estas doce imaxes foron inspiradas en películas sobre esta temática: Avatar, El alma de la máquina, Frankestein, Ex máquina ou a serie The Knick.

Todos os temas están creados desde unha imaxinería médica, con imaxes relacionadas coa cirurxía, a doazón de órganos, a patoloxía do amor entre home e máquina e o nacemento de seres híbridos.

Para a realización deste proxecto utilizáronse técnicas de realidade virtual e 3D. Todos os espazos foron creados a partir dunha idea inicial e todos son tridimensionais. Posteriomente, en estudo, fotografáronse as personaxes sobre un fondo neutro, para logo insertar esas fotos nos espazos anteriormente creados, coas poses e iluminación acorde con ese lugar e época.

Un novo amencer e unha nova Esperanza

No transcurso da presentación, as organizadoras desta iniciativa recordaron a orixe do título do calendario, “Amanecer”, e dixeron que fai referencia a unha das frases máis repetidas no entorno da Oncoloxía Infantil xa que cando os nenos, despois da quimioterapia, atópanse mal e pasan mala noite, o persoal sanitario sempre comenta “a ver como amañece mañá…”.

“Sempre esperamos a un novo amencer, á esperanza doutro día máis gañado á enfermidade.”