Visitas guiadas, inchables, concertos e queimada no Día do Turista de Baiona

Baiona celebrará o próximo 29 de agosto a súa tradicional homenaxe aos turistas cunha xornada cargada de actividades para o desfrute de veciños e visitantes. Desde primeira hora da mañá e durante todo o día a Vila converterase de novo nunha gran festa na que haberá diversas actividades gratuítas, entre elas música, visitas guiadas e inchables para nenos, programadas pola Concellería de Turismo.

Un roteiro guiado polo tramo do Camiño Portugués da Costa abrirá o Día do Turista ás 10:00 da mañá. Para participar será necesario inscribirse previamente na Oficina de Turismo, situada no Parque da Palma, ou no teléfono 986 687 067. Entre as 12:00 e as 14:00 e as 17:00 e as 21:00 horas haberá inchables para os máis pequenos no Paseo Ribeira.

Ás 12:00 realizarase unha visita guiada gratuíta á colección visitable da Casa da Navegación. Nos seus xardíns, Rock Q’Mola ofrecerá un concerto ás 12:30. Pola tarde, ás 18:30 horas, será o momento para a visita guiada teatralizada “Baiona bonita!” a cargo de “Teatro do Grilo”, dirixida por Mónica Sueiro e con saída desde a Oficina de Turismo.

Xa de noite, na Praza do Concello, ás 23:00 horas comezará o concerto de A Polémica Banda dos Bechuchos. A medianoite, o showman baionés Rafa Durán preparará o esconxuro da Gran Queimada con posterior degustación gratuíta, mentres continúa a actuación do grupo.

Ademais, ao longo de todo o día Casa-Museo da Navegación terá as súas portas abertas con entrada libre e todos os peregrinos que visiten a Oficina de Turismo recibirán un obsequio ao presentar a súa credencial.

Anuncios