
O Pleno da Mancomunidade do Val Miñor aprobou este xoves, co voto en contra do BNG, a moción presentada polo Partido Popular de cara a darlle unha saída á situación actual do GES do Val Miñor. Coa moción aprobada acordouse reactivar, unha vez resolto o contencioso, de maneira urxente, unha bolsa de traballo para dotar ao GES do persoal necesario para a contratación inmediata de efectivos para cubrir baixas laborais, vacacións ou necesidades do servizo, e ao mesmo tempo valorar a idoneidade de comezar os trámites necesarios para a integración do servicio do GES no Consorcio contra Incendios Provincial, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra.
Na exposición feita, os populares consideraban imprescindible e moi importante a labor do Grupo de Emerxencias do Val Miñor (GES), que grazas á valía e compromiso dos seus integrantes atenden as necesidades dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Ao mesmo tempo mostrábanse moi preocupados pola situación actual que o GES está atravesando nos últimos anos tanto pola falta de persoal como por un conflito interno de consideracións moi graves como discrepancias das funcións propias dos seus compoñentes, denuncias de acoso, etc., algúns destes casos xa en mans da xustiza.
“Nestes conflitos que xa veñen arrastrados dende comezos da lexislatura, os diferentes presidentes da Mancomunidade, todos eles socialistas, nada fixeron por darlle unha solución, deixando pasar o tempo o que derivou neste momento nunha situación de total abandono e deixamento, agardando a que o seguinte presidente colla a testemuña. Como proba desta inacción resultou unha sanción de 25.001 euros por parte da Inspección de Traballo por, segundo consta na acta de infracción de data 16 de abril de 2021, coñecer os feitos e non tomar as medidas suficientes e adecuadas para evitar a violación dos dereitos dos traballadores”, recordan os populares.
A Deputación Provincial ten as competencias nos servizos de emerxencias (contra incendios e salvamento) en concellos de menos de 20.000 habitantes cando estes non teñan a capacidade para asumilas tal como dita a lexislación en vigor. Por iso propuxeron que o GES se integrase no Consorcio Provincial contra Incendios de Pontevedra, adscrito á Deputación Provincial de Pontevedra e participado nun 50% coa Xunta de Galicia. Este Consorcio ten actualmente catro parques en Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, sendo necesario que o Val Miñor estea dotado dun servizo deste tipo cun parque propio, tanto pola súa localización como pola poboación á que prestar este servizo.
“Consideramos que os veciños do Val Miñor o que demandan é contar cun Grupo de Emerxencias acorde ás necesidades, sen ter que depender de dotacións doutras localidades. Para iso é necesario que o GES se incorpore ao Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Pontevedra, con parque propio no Val Miñor para poder atender o máis axiña posible as emerxencias dos veciños. Ao mesmo tempo a Mancomunidade do Val Miñor, a través do seu presidente, debe implicarse en darlle solución aos conflitos internos mediando entre as partes”, argumenta Paula Bouzós, representante do Partido Popular de Gondomar na Mancomunidade do Val Miñor.