Nigrán xestiona o aluguer dunha leira céntrica como alternativa ao aparcamento da rúa Vilameán

O Concello de Nigrán tramita o expediente para poder alugar de xeito transparente unha nova leira céntrica que sirva de alternativa ao aparcamento público da rúa Vilameán, onde a promotora propietaria da parcela iniciou onte as obras para construír 40 chalés pareados, polo que este espazo cedido de xeito gratuíto no 2013 está xa inoperativo. Dende o Concello xa se mantiveron contactos con dous propietarios de parcelas moi próximas ao consistorio interesados en alugalas, estando o expediente xa en marcha para resolvelo nas vindeiras semanas.

“Non perdemos un parking porque o substituiremos por outro tamén gratuíto antes de fin de ano, o relevante é que Nigrán despega economicamente tras a grave crise da construción e que con esta urbanización o Concello gaña espazo dotacional e catro parcelas edificables. Sabemos que para moitos veciños isto é un inconvinte e unha incomodidade pero lles pedimos paciencia porque antes de fin de ano teremos unha alternativa igual de válida xa funcionando”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o aluguer dunha finca por parte dun organismo público leva unha tramitación transparente que dea igualdade de oportunidades a todos os propietarios interesados en concorrer. “Faremos un anuncio público que contemplará, entre os diferentes requirimentos, a máxima proximidade ao núcleo urbano, e con este condicionante actualmente xa dispomos de dúas alternativas”, indica González, quen mantivo contactos cos propietarios de dúas parcelas de tamaño superior á de Vilameán e igual de próximas á Casa Consistorial. “Ter un espazo de aparcamento gratuíto para os veciños é unha prioridade porque somos conscientes do beneficio que supón para os veciños que non viven no núcleo urbano e para o comercio e empresas da zona”, engade.

A parcela de Vilameán funcionou dende 2013 como aparcamento público cunha media de 50 coches aparcados a diario (o dobre durante a tempada estival). Así, este espazo da Unidade de Actuación 3 (UA3) de 12.963 m2 supón xunto ao da Avenida Val Miñor (fronte á antiga Vanitas) a reactivación do sector da construción en Nigrán tras a forte crise da construción, xa que son as primeiras licencias de vivendas que se outorgan no municipio dende o ano 2007. Na parcela de Vilameán construiranse 40 chalés pareados xa vendidos sobre plano, e na Avenida Val Miñor un bloque con 46 pisos, a maior promoción en máis dunha década.

Anuncios