O Concello de Baiona súmase por primeira vez á organización do Discapaci-quad

Este sábado 19 de outubro de 10:00 a 18:00 horas terá lugar a V Xuntanza Discapaci-quad en Baiona, que comezará cunha ruta inicial dos quads pola Vila e continuará con múltiples actividades no Pavillón de Deportes e no monte.

Despois dos rotundos éxitos das anteriores edicións, o Motoclub ATV Distrito XVIII e o Concello de Baiona, a través da Concellalía de Medio Rural, organizan conxuntamente este evento co fin de conseguir implicar a un amplo sector da sociedade baionesa na busca da sensibilización, visibilización e integración co colectivo.

A actividade contará coa participación de máis dun centenar de persoas con diversidade funcional e pertencentes a unha ducia de colexios -Cogami, Centro Juan María, San Rafael, San Xerome, San Francisco, Apamp, Esclavas de Mos, Alento, Vontade, Aspanaex, Encaixamos e Seis do Nadal- que desfrutarán dunha xornada lúdica con obradoiros, actuacións, xogos, exhibición e terapia asistida con cans, xantar de confraternización e dunha ruta polo monte en quads e boogies.

Xa que logo, para esta edición, cóntase con máis de 15 colaboradores de Baiona que van dende as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Baíña, Santa María de Afora e de Santa Cristina da Ramallosa, pasando por empresas locais como a Área de Servizo Monterreal, Panadería Porta do Sol, Froiz e Gandeiría 4 Pinos, até a colaboración do CEE de Panxón, Asociación Amas de Casa de Baiona e a Asociación de Viudas Mercedes de la Escalera.

Anuncios