A Península de Monte Real, nomeada aos primeiros Premios Galicia de Turismo

O Clúster Turismo de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia, vén de convocar os primeiros Premios Galicia de Turismo, resultado dun modelo de colaboración público privado para a promoción de Galicia e o desenvolvemento sostible dun sector económico moderno e competitivo.

Na súa primeira edición, os Premios constarán de nove categorías. Tres delas renderán homenaxe a persoas que teñan contribuído ao longo da súa vida á promoción e á consolidación do prestixio de Galicia. Serán os premios ao “Embaixador ou Embaixadora Nacional”, ao “Embaixador ou Embaixadora Internacional” e á “Traxectoria” dunha persoa profesional do turismo. Estes tres galardóns serán concedidos directamente polo Clúster Turismo de Galicia.

Haberá tamén un premio ao mellor “Escenario” de Galicia que se decidirá nunha votación aberta na web dos premios. Os internautas poderán elixir entre 24 fotografías, seis por cada provincia. Recoñecerá unha localización natural, urbana, histórica ou cultural destacada pola súa beleza, relevancia, coidado e conservación. Nesta categoría está incluída a Península de Monte Real, en Baiona, que na actualidade alberga o Parador Nacional de Turismo “Conde de Gondomar”.

Os outros cinco premio serán decididos por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e formado por representantes da industria, da Administración e da Universidade. Trátase dos premios “Vangarda”, “Sostibilidade”, “Patrimonio”, “Promoción” e “Evento”.

A presentación de candidaturas a estas cinco categorías pode facela calquera persoa ou entidade a través dun formulario que estará a disposición na web dos Premios, no Clúster Turismo de Galicia o una Secretaría Técnica. Os prazos para a presentación de candidaturas e para a votación pública na web rematarán o vindeiro 10 de novembro.

Os Premios serán entregados nunha gala que terá lugar a finais deste ano na cidade da Coruña.

Anuncios