O BNG demandará no pleno de Gondomar a aprobación definitiva do regulamento de participación veciñal

No pleno, que se celebrará este xoves, 17 de outubro ás 20:00 horas, a organización nacionalista presentará outras dúas mocións propias: unha polo rescate do Hospital POVISA para o sector público, e outra demandando, tamén, a aprobación definitiva da Ordenanza de Normalización Lingüística.

Ademais, ten presentado, para posibilitar o seu debate, unha moción elaborada pola CIG sobre medidas de futuro para o sector da automoción. A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, solicitou do Alcalde a autorización para que esta moción sexa exposta por unha persoa representante da CIG traballadora dalgunha das empresas do sector na zona.

“Esa sería unha pequena mostra practica da participación veciñal, que para o BNG é un piar básico da política municipal”, afirma Rodríguez. Por esa razón, instará ao goberno municipal a levar a pleno, a maior brevidade posible, a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Veciñal, para posibilitar a participación da veciñanza na vida municipal, en consonancia cos principios democráticos e cunha vocación construtiva e de convivencia.

Este Regulamento, aprobado inicialmente en setembro de 2016, recibiu as achegas de formacións políticas e da Coordinadora de Entidades Veciñais, colectivo que integraba á maioría das entidades sociais gondomaresas: Comunidades de Montes, de Augas, Centros Culturais, Asociacións Veciñais, de Mulleres, Deportivas, Musicais, ANPAS, etc., que presentou 57 alegacións ao texto, das que foron aprobadas 49 e incorporadas ao proxecto. Mais desde ese momento non se avanzou na súa aprobación definitiva, debido á oposición expresa do Alcalde, que dese xeito impediu a participación da veciñanza na vida municipal.

O BNG recolle así a esixencia da veciñanza de Gondomar, que agarda que as forzas políticas representadas no concello fagamos o noso traballo: aprobar definitivamente un regulamento que, aínda que mellorable, serva, tal como recollen ás primeiras liñas do preámbulo do mesmo, para exercer a participación veciñal, o dereito das persoas a intervir no proceso de toma de decisións no ámbito local, que constitúe parte inseparable da sociedade democrática.

Anuncios