Máis de 150 mozos e mozas participarán na V Xuntanza Discapaci-quad Val Miñor

Este sábado 19 de outubro celebrarase en Baiona un dos eventos solidarios máis grandes de Galicia. Trátase da V edición da Xuntanza Discapaci-quad Val Miñor que organiza o Club ATV Distrito XVIII e a Concellería de Medio Rural de Baiona. Nela reuniranse un total de 13 colexios e asociacións, Cogami, Centro Juan María, San Rafael, San Xerome, San Francisco, Apamp, Esclavas de Mos, Alento, Vontade, Aspanaex, Encaixamos e Seis do Nadal.

Entre eles congregarán a máis de 150 mozos e mozas con diferentes discapacidades, que pasarán un día moi especial realizando un percorrido en quad ou boggie de tres quilómetros no que gozarán da natureza e dunhas vistas espectaculares do Val Miñor. As actividades comezarán ás 10:00 da mañá e acabarán ás 18:00 horas na contorna do Pavillón Municipal de Deportes de Baiona.

Ademais este ano, como en edicións anteriores, nas que contaron coa colaboración dos bombeiros de Vigo ou a Garda Civil, terán grandes colaboracións. Este ano contarán coa presenza dun adestrador de cans e dunha psicóloga que traballa con terapia asistida con cans, que realizarán unha exhibición canina e diferentes xogos cos cans e os mozos.

Anuncios