Carla Andrade presenta en Nigrán “Gravidade e luz”, mestura de videocreación e fotografía

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este venres ás 19:30 horas no marco do ciclo “Camiño A Dentro” de mulleres artistas a mostra de fotografía e videocreación “Gravidade e luz”, da nigranesa Carla Andrade (Vigo/Nigrán 1983).

O seu proxecto pretende retratar esta etapa atendendo ás peculiaridades inmanentes da cotidianidade deste lugar que tan ben coñece, xa que Carla medrou en Nigrán. Realizou residencias artísticas en Islandia, Suecia, Bilbao, A Rioxa, Nepal, Chile, Barcelona e París. Expuxo de forma individual no MAC da Coruña, en Citeina Internationale deas Arts de París, no Colexio de España en París, na Galería Trinta en Santiago de Compostela, no CDAN en Huesca, na Casa das Artes en Vigo e na Fundación BilbaoArte, entre outros. Tamén mostrou colectivamente o seu traballo en centros de arte contemporánea como o Museo Guggenheim de Bilbao, a 12 Star Gallery na Europe House de Londres, o MARCO de Vigo, o 104 de París ou a Sala Amadís en Madrid. A súa obra tamén estivo presente en festivais como o International Film Festival (Róterdan), PhotoEspaña (Madrid), Mois da Photo (París), L’Alternativa (Barcelona), Porto/Post/Doc (Porto) o Festival Internacional de Cinema IBAFF (Murcia), Sangiò Verona Vídeo Festival (Verona), aCinema (Milwaukee, EE.UU.), Filmadrid ou o (S8) (A Coruña).

“Camiño A Dentro” é unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra que pon en valor o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa, recoñece o labor das mulleres artistas que poñen o foco do seu traballo no ámbito rural e no patrimonio, e propicia o encontro e a cocreación coa comunidade local e coas peregrinas e peregrinos que se atopan “facendo o Camiño”.

Anuncios