Absolven ao sindicalista acusado de facer unha pintada na casa de Almuiña

O xuíz do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo decidiu absolver este martes a Carlos Martínez Lamosa, responsable de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, despois de que a Fiscalía non solicitase a súa condena ao entender que os feitos dos que se lle acusaban (facer unha pintada no edificio baionés no que ten a súa vivenda o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante o conflito polo convenio de ambulancias) non constitúen un delito leve de danos.

Tras as declaracións de Lamosa e da denunciante, no trámite de conclusións o Ministerio Fiscal nin sequera entrou a valorar as probas practicadas e optou por non solicitar condena para o acusado. A propia denunciante, a pregunta do xuíz, tampouco o fixo, polo que o xuíz ditou sentenza in voce ditado a súa absolución firme xa que ao non existir acusación non pode condenar.

O fiscal argumentou a súa decisión asegurando que os feitos xulgados non se poden incluír no tipo penal de delito leve de danos, para o que se establece unha pena de entre 1 e 3 meses de multa, e que en todo caso a sanción debera ir pola vía administrativa. O avogado da CIG adheriuse ás razóns esgrimidas pola Fiscalía e incidiu en que en ningún momento quedou acreditada a autoría dos feitos que se lle imputaban a Lamosa.

Segundo explican dende o gabinete xurídico da CIG, antes da reforma do Código Penal este tipo de feitos eran tipificados como falta, pero agora son considerados delitos leves (se os danos contra a propiedade afectada non exceden dos 400 euros), polo que acarrean antecedente penais. Neste caso a denunciante aportou unha factura dos traballos de limpeza da pintada por valor de 140 euros, que o denunciado tería que abonar tamén no caso de que fose condenado.

Ao mesmo tempo, coa nova Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, despenalízanse determinadas condutas que antes estaban no Código Penal, “pero as garantías procesuais era maiores no penal que no administrativo”. Ademais, as multas administrativas, cuxa contía tamén aumentou, non se impoñen en función dos ingresos, polo que son máis inxustas, e son máis difíciles de recorrer, “o que provoca unha maior indefensión das persoas acusadas”.

Anuncios