Máis de 14.500 persoas da área sanitaria de Vigo xa teñen cita para vacinarse da gripe

Un total de 14.508 persoas da área sanitaria de Vigo xa teñen solicitada a súa cita para acudir a vacinarse da gripe nos vindeiros días.

A campaña de vacinación antigripal da Consellería de Sanidade que iniciouse hoxe durará ata o 27 de decembro, polo que Sanidade lembra á cidadanía que hai tempo suficiente para facela progresivamente.

Por terceiro ano consecutivo, o comité de seguimento da campaña de vacinación antigripal da EOXI de Vigo levou a cabo unha serie de medidas co obxecto de promocionar a campaña entre a poboación diana e o persoal sanitario. Cabe subliñar a convocatoria da terceira edición do Concurso de Carteis e Lemas entre os traballadores dos centros sanitarios da área viguesa. O cartel gañador resultou o realizado polo xefa de grupo da área administrativa Eva Diego Rabazas, do centro de sáude de Coia, que foi presentado hoxe. Este cartel, que leva por lema “Súbete á prevención, vacínate” será a imaxe promocional en Vigo durante e todo o tempo da campaña.

Segundo explicou a directora de procesos sen Ingresos e Urxencias da EOXI de Vigo, Elena Lorenzo -“é moi importante a concienciación dos equipos de atención primaria na promoción da vacina así como as recomendacións de medidas de profilaxe para evitar os contaxios. Ademais este ano contamos cunha vacina tetravalente cun maior efecto inmunoxénico. A vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade así como o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe. Hai que lembrar que o pasado ano na área viguesa rexistráronse 371 ingresos hospitalarios e 26 decesos como consecuencia dun proceso gripal”.

Vigo, área con maior efectividade nas chamadas telefónicas

Algunhas das medidas que se van levar a cabo para promover a vacinación serán, entre a terceira e cuarta semana de campaña, o desenvolvemento do programa de promoción da vacinación antigripal mediante SMS aos maiores de 65 anos e a chamada activa.

Así, os profesionais de Enfermería de Atención Primaria proporcionarán información da vacina a todos aqueles pacientes entre 65 e 74 anos dos seus respectivos cupos que aínda non teñan recibido a súa dose, mediante un consello telefónico para explicarlles as necesidades e as vantaxes da mesma.

“A área sanitaria de Vigo é a que realiza un maior número de chamadas telefónicas e a que rexistra unha maior efectividade nas mesmas. O pasado ano efectuáronse 9.868 chamadas e grazas a ese esforzo conseguiuse que un 14,93 por cento máis da poboación de risco tivese recibido a dose da vacina” -afirmou Elena Lorenzo.

Especial chamamento á vacinación dos profesionais sanitarios

Na pasada campaña, a área viguesa rexistrou un total de 87.246 doses antigripais. Desa cifra, 66.426 corresponden a maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 54,64% da poboación diana. Isto representa un incremento en dous puntos porcentuais con respecto aos datos de 2017.

Cabe subliñar o incremento porcentual de 11 puntos da cobertura nos profesionais sanitarios, acadando un 47,33 % entre todo o persoal sanitario, mentres que na campaña do 2017 fóra dun 36%.

Concretamente, nos centros de Atención Primaria a cobertura de vacinación antigripal foi dun 56,08 %, mentres que na campaña anterior fóra dun 46%.

No que atinxe á Atención Hospitalaria, acadou un 43 %, o que supón un incremento de 12 puntos porcentuais con respecto ao dato de 2017, que foi entón dun 31%.

Tamén cabe subliñar o incremento rexistrado na vacinación das xestantes, 1.577, 700 máis que o ano anterior.

2019-10-14 - gripe 2

Anuncios