Anuncios
Ticker de novas

O Concello de Nigrán e a Coral Stella Maris presentan o Stella Maris Season Fest

Hoxe presentouse oficialmente o festival Stella Maris Season Fest que se celebrará no Campo de Lourido, en Nigrán, os días 3, 4 e 5 de agosto. Ao acto de presentación acudiron o alcalde de Nigrán, Juan González; a directora da Coral Stella Maris, María Dolores Represas; o presidente da Coral Stella Maris, Juan Sío, e Isaac González, director de Elemental Street, empresa promotora do evento.

Stella Maris Season Fest é un festival que nace por mor da gran acollida que tivo o concerto de Stella Maris e Pablo Milanés no ano 2017, ao que acudiron máis de 6.000 persoas. O compromiso da coral coa actividade cultural e turística de Nigrán levoulles a dar un salto de calidade ao evento, promovendo así tres días de festival dirixido a públicos de distintas idades.

“Desde o Concello de Nigrán estamos encantados de engadir unha proposta máis de lecer e cultura para o mes de agosto sen perder ao mesmo tempo a esencia do clásico xa concerto-homenaxe da Coral Stella Maris”, valora o alcalde de Nigrán, Juan González, quen engade que o evento, “contribuirá, ao mesmo tempo, a poñer en valor a nosa contorna”.

“Para a Coral Stella Maris, o festival é unha ambiciosa aposta para consolidar o traballo feito durante estes anos, e sentar as bases do que consideramos que será un evento referente para certo tipo de público nos próximos anos”, sinala Loli Álvarez, directora da coral.

“Para Elemental Street e Elemental Chefs é unha honra continuar co bo traballo feito por Stella Maris ata agora, e axudar a construír un evento que reforce a aposta de Nigrán por un turismo de calidade, e unha aposta cultural para todos os públicos. Prometemos gratas sorpresas”, engade Isaac González, Director de Elemental Street.

Concerto de Stella Maris e Dyango gratuíto

Ademais dos concertos de Café Quijano, o venres día 3, e Loquillo, o domingo día 5, un dos pratos fortes do Stella Maris Season Fest será o concerto homenaxe que a Coral Stella Maris ofrecerá o sábado. O cantante, un dos maiores expoñentes da canción romántica en España, estará presente na homenaxe e cantará tamén o seu repertorio. Tal e como comentan desde a organización, o sábado será unha xornada repleta de sorpresas. A entrada para o concerto da coral e Dyango será gratuíta.

O aforamento será limitado e as invitacións poderán reservarse previamente na web do festival (seasonfest.es) ou recollerse en despacho de billetes durante os días do evento. As entradas para Café Quijano e Loquillo atópanse tamén na web a un prezo de 20 e 30 € respectivamente.

No recinto, con vistas á praia, poderase gozar tamén dun mercado de roupa e complementos vintage, vinilos e artesanía. Ademais, habilitarase unha zona gastro de streetfood. A produtora Elemental Street, encargada do desenvolvemento do evento, organiza tamén en Nigrán, a semana anterior, a feira gastronómica itinerante “Rilla na Rúa”. Os mellores foodtrucks quedarán xa para ofrecerlle ao público do Stella Maris Season Fest a mellor comida rueira.

Anuncios