Primeira vitoria da tempada do AD Vincios

Primeira vitoria da tempada do AD Vincios Gondomar, ao superar por 4-1 ao Universidade de Burgos TPF na xornada disputada no IES Terra de Turonio en Gondomar, encontro de nivel europeo, pois ambos os dous equipos disputaron a competición ETTU CUP MEN. Con esta vitoria o equipo gondomarés permanece invicto, e cunha vitoria e dous empates sitúase nunha cómoda quinta praza da táboa clasificatoria.

O Universidade de Burgos aliñou ao seu xogador romanés Alexandru Cazacu, ao internacional sub 23 español Carlos Caballero e a Miguel Núñez, mentres o AD Vincios Gondomar repetiu a aliñación de anteriores xornadas, con Zhao Tianming, André Silva e Martín Pintos. O partido comezou con claras vitorias de Cazacu sobre Zhao, de André sobre Caballero e de Martín Pintos sobre Miguel Núñez, todas con parciais 3-0. Co marcador a favor do Vincios por 2-1, xogouse o partido máis disputado do encontro, onde Cazacu comezou gañando dous sets moi axustados 14-12 e 11-9 a André Silva, e finalizou cunha gran reacción de André para remontar o marcador en contra, 9-11, 9-11 e 8-11, para acabar gañando 2-3. Co marcador global a favor 3-1, Zhao gañou por 3-0 a Miguel Nuñez para selar a vitoria do AD Vincios Gondomar por 4-1.

Tras tres xornadas de liga, comanda a clasificación o Irún Leka Enea, equipo que se reforzou para tentar gañar a liga, o Real Cajasur Priego TM, actual campión de liga, e o Arteal TM de Santiago, subcampión de liga, mentres pola parte de abaixo hai tres equipos que non puntuaron, o ADTM Leganés, o CER L´Escala e o Assa Alacante TM.

A seguinte semana non haberá xornada pois acoden os xogadores convocados pola selección española ao Open de Polonia, entre os que acudirá convocado o xogador do Burgos Carlos Caballero e autorizado o xogador gondomarés Martín Pintos.

Anuncios