“Temos que estar sempre que alguén nolo pida, para iso está a Garda Civil”

A Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán celebrou este sábado os actos conmemorativos con motivo da festividade da súa patroa, a Virxe do Pilar. Ás 12:00 do mediodía os membros da casa cuartel situado en Baiona acudiron a unha misa na honra da súa patroa na Capela de Santa Liberata, oficiada polo párroco Manuel Salcidos.

Xa de volta no acuartelamento, o Tenente Félix Díaz, Comandante do Posto Principal de Baiona-Nigrán, comezou a súa intervención destacando que “hoxe é un día moi especial para nós, é o día da patroa do Pilar, e iso vai marcado a lume nos gardas desde que saímos da academia”.

“Este ano quero agradecer de forma singular o traballo dos meus sarxentos, David e Fran, do cabo, Pedro, e a todos os gardas civís. Só sei eu o bos profesionais que son. Véxoo todos os días. Os nosos gardas son profesionais, comprometidos, honrados e sobre todo leais”, continuou o Tenente. “Agradézovos estes catro anos que me fixestes sobre todo mellor profesional, e o máis importante para min, fixéstesme mellor persoa”.

Díaz terminou o seu discurso dicindo que “nós temos que manter a seguridade cidadá non só en Baiona e Nigrán, tamén botamos unha man aos nosos amigos de Gondomar, os nosos compañeiros. Temos que ser a referencia no Val Miñor. Temos que estar sempre que alguén nolo pida, para iso está a Garda Civil”.

A continuación, o Comandante entregou unha Mención de Honra ao Garda Rural de Pesca Darío Freire, e dous axentes realizaron a tradicional ofrenda floral ante a figura da Virxe do Pilar para lembrar aos compañeiros caídos. Tamén se lembrou ao falecido Manuel Quintas “O Ferreiro”, autor do monumento á Garda Civil situado ás portas do Cuartel.

Nos actos, que finalizaron cuns petiscos, tamén estivo presente o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o tenente de alcalde de Nigrán, Rubén Rial, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ademais de concelleiros de ambos os dous municipios, así como outras autoridades civís e militares.

Anuncios