O BNG de Baiona, en contra de reabrir ao tráfico a rúa Carabela Pinta

A asemblea local do BNG en Baiona acordou por unanimidade rexeitar a proposta difundida na prensa do día de onte, na cal o Alcalde afirma que vai proceder á deshumanización da rúa Carabela a Pinta abríndoa permanentemente ao tráfico, salvo en puntuais ocasións.

Para os nacionalistas, non só a veciñanza vese beneficiada por contar cun espazo peonil no centro da vila, senón tamén o comercio, ao aumentar os tránsitos a pé e optimizando a afluencia de potenciais clientes. “Consideramos errado afirmar que as vías con tránsito rodado beneficien ao comercio local, tendo en conta tamén que nesta rúa ningún dos seus edificios conta con aparcamento soterrado. A apertura permanente ao tráfico non xerará aparcamentos que beneficien ao comercio, posto que as prazas dispoñibles serán nomeadamente ocupadas por residentes”.

Unha das señas de identidade da xestión municipal do BNG é a humanización das vilas e cidades, mediante unha reordenación que devolva as rúas á veciñanza e afaste os vehículos dos espazos de tránsito. A avenida semipeonalizada de Carabela a Pinta replicaba ese modelo, aínda que o Partido Popular non se atreveu a completar esta humanización cunha peonalización na súa totalidade. A Praza da Independencia ou o Calvario en Vigo foron actuacións do BNG desde o Goberno municipal que contaron cunha importante oposición inicial tanto de comerciantes como veciñanza, mais o convencemento de que resultaría positivo para ambos levou a que a xestión municipal non flaquease. Hoxe son dúas zonas onde a ningún goberno municipal se lle ocorrería volver a introducir o tráfico rodado e tanto comerciantes como veciñanza desfrutan do incremento da súa calidade de vida, opoñéndose agora a calquera medida neste senso.

“Nin que dicir ten que os recoñecementos internacionais do Concello de Pontevedra non veñen por inzar de coches o seu centro urbano, senón por todo o contrario. O Premio Cidade de Pedra, o Premio Internacional de Dubai auspiciado pola ONU, o Premio Mobilidade Sostible, o Active Designs ou o Intermodes englosan as filas de galardóns que certifican o éxito deste modelo”, destacan desde o BNG.

“Mais esta política saudable e sustentable non é froito da improvisación, senón dunha mentalidade que pon ás persoas no foco de atención e que se preocupa porque as vilas estean vivas e non invadidas por vehículos ruidosos e contaminantes. Xa que logo, o BNG demandará do Alcalde unha reconsideración desta medida porque a veciñanza de Baiona explicitou claramente que quería un cambio de rumbo e unha Baiona mellor xestionada”, conclúen os nacionalistas.

Anuncios