Gondocultural, encontro folclórico internacional de música en Gondomar

O Auditorio Lois Tobío converterase este domingo no punto de encontro das vilas de Gondomar, galega e portuguesa, que manteñen viva a súa relación tras rescatar o seu irmandamento fai tres anos o goberno que preside Paco Ferreira. Desde entón son diversas as ocasións nas que programaron actividades conxuntas para fomentar a relación entre ambas as dúas vilas.

Desta forma xorde Gondocultural, un intercambio cultural entre ambas as dúas localidades no que se contará coa participación de grupos folclóricos representativos de ambos os dous municipios.

O Auditorio Lois Tobío acollerá o concerto da Banda de Gaitas e de As Pandereteiras do Sobreiro, da parroquia de Borreiros, e, da agrupación portuguesa “Rancho de Zequeiros”, con máis de 40 anos de historia e un referente na localidade lusa polo seu traballo a favor da recuperación das tradicións e a defensa do folclore.

A xornada comezará ás 11:00 horas coa recepción das autoridades lusas por parte do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e membros do seu equipo de goberno. Será ao redor das doce do mediodía cando comece o concerto que ofrecerá, en primeiro lugar, cada agrupación de forma individual, para finalizar o encontro cunha actuación conxunta con preto de 70 músicos sobre o escenario.

Anuncios