O Concello de Baiona e Afaga desenvolven un programa de prevención da deterioración cognitiva

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez asinaron un acordo de colaboración para poñer en marcha na localidade o programa “Cultiva a Mente”, dirixido á prevención da deterioración cognitiva.

A finalidade de “Cultiva a Mente” é a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables, tanto a nivel cognitivo como emocional. Este programa desenvólvese a través de obradoiros, nos que se realizan diferentes exercicios de estimulación cognitiva.

As sesións realízanse unha vez por semana e teñen unha duración de dúas horas cada unha.

Estes obradoiros, que se imparten de forma gratuíta, comezan o 28 de outubro. Terán lugar todos os luns, de 17:00 a 19:00 horas no Edificio Multiusos Ángel Bedriñana.

Máis información e inscricións en Servizos Sociais do Concello de Baiona. Teléfono: 986 385 926. E-mail: s.sociais@baiona.org.

Anuncios