Nigrán retoma o seu programa de turismo social cunha excursión de maiores a Pedrafita do Cebreiro

O Concello de Nigrán retoma o seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o xoves 21 de outubro a Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Trátase da primeira saída desde a crise do Covid-19 e o Concello irá programando novas. O custe é de 22 € e cubre transporte, comida e visitas guiadas. O prazo de inscrición ábrese este xoves e venres, 14 e 15 de outubro, sendo no Pavillón Municipal de Panxón (cada solicitante pode anotar só a un acompañante e debe levar senllos DNI). As 110 prazas dos dous autobuses cubriranse por rigorosa orde de inscrición, así como as reservas dos asentos.

A excursión, con saída ás 08:00 horas en autobús dende a Casa do Concello, inclúe visita guiada a Pedrafita do Cebreiro e a súa feira de outono, ao conxunto etnográfico do Cebreiro coas súas senlleiras pallozas, á igrexa pre-románica de Santa María e unha pequena andaina pola entrada do Camiño Francés nesta marabillosa contorna natural dos Ancares. Ademais, visitaranse queixerías do Cebreiro e de Fonfría. O menú consta de polbo á feira, carne, café, sobremesa e bebida.

O goberno local de Nigrán entende que viaxar para as persoas maiores despois da inactividade do Covid-19 é especialmente importante. “Non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para eles, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.