Mila López xa é a gañadora da Copa de España de ciclismo adaptado a falta de dúas probas

O emblemático Circuíto de Cheste acolleu a 7ª proba da Copa de España de ciclismo adaptado, na que se deron cita algúns dos mellores ciclistas do mundo. A sétima cita da Copa de España de ciclismo adaptado contou con extraordinario ambiente para todos os públicos, abrindo a xornada deportiva a carreira de Handbikes e Triciclos.

A primeira en cruzar a meta na categoría WH4 foi a baionesa Mila López, por diante de Ione Basterra, con Victoria Cañada en terceira posición. Con esta nova vitoria, a integrante do Club Ciclista Riazor xa é matematicamente a gañadora da Copa de España de ciclismo adaptado, a falta de celebrarse dúas probas. “Despois desta sétima carreira da Copa podo dicir que gañei por puntos a Copa de España deste ano aínda que falte que se celebre algunha proba máis”, sinalaba Mila.

“Máis que gañar, o importante é gañar facendo unha boa carreira e mellorando. Despois destes meses de case parón por non atoparme moi ben, termino contenta hoxe por que polo menos conseguín facer unha carreira decente a pesar de estar apenas adestrando desde estes últimos días. Grazas aos compañeiros do meu Club Ciclista Riazor polos ánimos hoxe. Que por certo, ademais, fomos terceiros por equipos”, destacou a baionesa.

As próximas probas da Copa de España de ciclismo adaptado serán o 19 e o 20 de outubro, en Mazarrón e Águilas respectivamente.

2019-10-07 - 71478784_2364368790544843_563859412746240000_o

Anuncios