5.300 quilos de comida recollidos na última Operación Quilo do Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recolleu esta fin de semana uns 5.300 quilos de comida na última Operación Quilo desenvolta nas cidades de Vigo e Pontevedra. A acción solidaria desenvolveuse no supermercado de El Corte Inglés de Vigo onde se contabilizaron uns 2.800 quilos e en Supercor de Pontevedra. 50 voluntarios da entidade facilitaron as doazóns de produtos de primeira necesidade que permitirán o abastecemento dos dous almacéns cos que conta a ONG en ambas as dúas cidades, en Lavadores (Vigo) e na rúa Faustino Santalices (Pontevedra).

Desde o Banco de Alimentos agradécese tanto a implicación das dúas superficies comerciais como a solidariedade dos voluntarios que, novamente, regalaron catro horas do seu tempo a favor das persoas con dificultades na provincia de Pontevedra. Así mesmo, pon en valor a empatía das persoas que entregaron as doazóns. A finais deste mes de outubro presentarase a que será a sétima Gran Recollida Solidaria da Fundación Provincial Banco de Alimentos que este ano se celebrará o 22 e 23 de novembro.

Actividade do Banco de Alimentos

Durante os seis primeiros meses de 2019, o Banco de Alimentos repartiu preto de 1,1 millóns de quilos. En 2018, entregou ao redor de 1,8 millóns de quilos de comida (1.760,629 quilos), a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das persoas máis desfavorecidas ás que axuda. A ONG, creada en 1995, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Desde 2014, a entidade conta con delegación propia en Pontevedra.

Anuncios