Os usuarios da área de Vigo comezarán a recibir avisos sanitarios a través de SMS

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) activará a partir do martes, 8 de outubro, o sistema para enviar notificacións vía SMS aos teléfonos móbiles dos usuarios da área sanitaria de Vigo.

Inicialmente, os cidadáns recibirán unha mensaxe no seu móbil no que se lles explicará que, a partir dese momento e se os datos de identificación son correctos, notificaráselles, por SMS, recordatorios das súas citas cos facultativos especialistas nas consultas dos hospitais. Nas devanditas mensaxes tamén se farán chegar alertas sanitarias concretas ou determinadas campañas sanitarias como a da vacinación da gripe, ademais de resultados de probas de cribado que realizase o paciente.

O obxectivo desta medida é incrementar o contacto coa cidadanía a través as tecnoloxías dixitais, cunha información cada vez máis personalizada a fin de conseguir unha maior eficiencia na atención asistencial e unha menor molestia para o usuario.

Primeiro paso

A primeira mensaxe que recibirá o usuario no seu móbil conterá o seguinte texto:

“O SERGAS desexa mellorar a comunicación de xeito personalizado con vostede. A partir de agora empregaremos mensaxes SMS para recordarlle as súas citas ou avisos de saúde. Este é o telefono rexistrado como vía de contacto móbil para o cidadán co CIP XXXXXX……………..Se non quere recibir as mensaxes ou o CIP da súa tarxeta sanitaria non se corresponde con vostede, prema no seguinte enlace para darse de baixa no servizo http://ow.ly/SMSPjkikbH

O Sergas enviará case 390.000 mensaxes iniciais co citado texto. Farao de forma progresiva, aínda que o prazo para esas notificacións non excederá dunha semana.

A partir da recepción desa primeira mensaxe, o sistema quedará activado para o usuario e a partir dese momento o paciente comezará a recibir a información que sexa do seu interese (datas dos períodos de vacinación, resultados concretos de cribados e outras) ou os recordatorios da consultas hospitalarias.

As mensaxes para lembrar hora e fecha das citas hospitalarias remitiranse en horario diúrno nas 72 ou 24 horas previas.

Vantaxes

Coa posta en marcha deste sistema, a área sanitaria disporá dun mecanismo máis para promocionar información e axudar aos pacientes. En definitiva, trátase de incorporar a mensaxería co paciente e o seu coidador na rutina asistencial.

Desde a área sanitaria considérase que esta ferramenta pode ser de gran utilidade, por exemplo nestes momentos, na campaña de vacinación da gripe, recordando aos pacientes a conveniencia de vacinarse e onde facelo, ou a súa cita coa enfermeira de atención primaria. O seu uso xeneralizado axudará a que os pacientes non perdan a cita e teñan que volver a solicitar unha nova, o que, as veces, acaba xenerando unha consulta adicional en atención primaria.

Para o desenvolvemento desta ferramenta utilizarase a plataforma Lembra do Sergas que de xeito automático, envía as mensaxes predefinidas, en xeral sen información clínica, solo administrativa. En casos puntuais tamén poderán enviarse mensaxes personalizados. Esta é a base tecnolóxica do sistema de mensaxería que xa se está utilizando no CHUVI para o envío dos SMS durante os procesos cirúrxicos dos pacientes aos seus familiares autorizados, e que está xerando un alto grao de satisfacción entre os usuarios.

Anuncios