O Salaño Dos proclámase vencedor do Campionato Galego de A Dous

O vento volveu ser protagonista na segunda convocatoria do ano do Campionato Galego de Solitarios e A Dous, que se disputou este sábado, día 5 de outubro, no marco do Trofeo Prima Vinia e baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Real Federación Galega de Vela. Aínda que a Eolo custoulle entrar, finalmente o Comité de Regatas puido dar a saída para unha única proba costeira tal e como estaba previsto, na que resultou vencedor o Salaño Dos do equipo vigués formado por Jacobo Vecino e Brenda Maure.

Onte venres, tras a confirmación de inscricións e revisións de seguridade no club baionés, organización e patróns acordaron atrasar o comezo da regata unha hora ao contar cunha previsión de ventos moi frouxos ata o mediodía de hoxe. As condicións, en calquera caso, non impediron que a frota pelexase esta vez por un dos títulos máis esperados da tempada.

Así, tras varias horas de espera na auga, non foi ata pasadas as 15:15 horas cando a frota puido escoitar o sinal de Atención para unha saída situada fronte ás illas Cíes e cunhas condicións de vento moi suave, aínda que aos poucos foron en aumento ata os sete ou oito nós de intensidade no tramo final da regata.

O percorrido, finalmente dunhas sete millas e media, levou á frota desde a saída ata a baliza de Tofiño para poñer logo rumbo a Subrido, onde o Comité optou por acurtar o percorrido e situar a liña de chegada antes de que o vento comezase a caer de novo.

O primeiro en completar a proba foi o Salaño Dos cun tempo investido de dúas horas e seis segundos, logrando ademais unha vantaxe máis que suficiente para gañar tamén en tempo compensado e converterse así no novo campión galego de a dous. Por detrás, o J80 ¡Ay Carmela! –que puntuou tanto para a xeral de monotipos como para a de a dous- fíxose coa segunda posición e o terceiro posto ocupouno o Bon III de Víctor Carrión e Ana Sardiña.

Ademais do título autonómico, a cita baionesa pechou tamén o Circuíto Rías Baixas A Dous de 2019. Tras a celebración das probas Volta a Cíes, Volta a Barbanza, Gran Trofeo Faro de Corrubedo e o Memorial Paco Alvariñas, o Trofeo Prima Vinia puxo punto e final a un dos circuítos máis esixentes da tempada, no que a vitoria foi tamén para o Salaño Dos. Por detrás, o segundo posto do circuíto ocupouno definitivamente o ¡Ay Carmela! e terceiro foi o Bon III.

Na competición en tempo real dos monotipos J80, o máis rápido foi o Cansino de Nano Yáñez e David Uscola, que cruzou a liña de chegada cunha vantaxe de case tres minutos sobre o segundo clasificado, o ¡Ay Carmela! de Juan Martínez e Alfonso Rodríguez. A terceira posición, pola súa banda, ocupouna o Ferralemes de Jaime García e Oswaldo Álvarez.

Tras finalizar a regata, a entrega de premios no Monte Real Club de Yates contou coa presenza de Milton Fernández, xerente de Prima Vinia; José Luis Álvarez, presidente do MRCYB; Manuel Villaverde, presidente da Real Federación Galega de Vela; Santos Héctor en representación da Deputación de Pontevedra, e Daniel Benavides, Delegado de Deportes da Xunta en Vigo.

Anuncios