O Monte Real volve convocar á frota de Solitarios e A Dous para disputar o Campionato Galego

O pasado mes de xuño, a falta de vento impediu que a frota puidese completar a tempo o percorrido que definiría aos campións galegos das divisións Solitarios e A Dous de 2019. Agora, case catro meses despois, o Monte Real Club de Yates volve convocar a estas dúas clases para poñer de novo en xogo o título autonómico no marco do Trofeo Prima Vinia. A cita, ademais, poñerá fin tamén ao Circuíto Rías Baixas A Dous e renderá homenaxe a Don Rafael Olmedo, que foi presidente do club baionés durante máis de 40 anos.

Coa saída programada para mañá sábado ás 11:00 horas, gran parte dos equipos están xa en Baiona para confirmar a súa participación nesta segunda convocatoria dunha das probas máis esperadas da tempada. É o oitavo ano consecutivo no que a Real Federación Galega de Vela delega no Monte Real a organización desta regata e o certo é que, tras quedar o título deserto en xuño, o club optou por repetir o campionato antes do final de tempada.

As clases que optarán ao galardón serán as mesmas que xa participaron na primeira convocatoria. Haberá unha división de Solitarios, na que compiten barcos cun único tripulante; clase A Dous, para aqueles nos que navegan dúas persoas a bordo, e competirán tamén os monotipos J80.

Entre os rexistrados figuran nomes como o de Víctor Carrión e Ana Sardiña co Bon III, gañadores do Circuíto Rías Baixas o pasado ano; o Cansino de Nano Yáñez e Ignacio Sánchez; o local Ferralemes de Jaime García, ou o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade e André Lopes. Tampouco faltará gran parte da frota de J80 que compite habitualmente en Baiona, polo que non hai dúbida de que a vitoria estará máis que disputada.

Aínda que todo dependerá das condicións meteorolóxicas que se dean mañá, o Comité de Regatas conta en principio con dar unha única saída na baía de Baiona que levará á frota para completar un percorrido dunhas 26,2 millas pola ría de Vigo e as proximidades das illas Cíes, antes de poñer rumbo de volta á baía. O tempo que tarde a frota en completar a regata dependerá do vento, e polo momento todo apunta a que Eolo soprará cunha intensidade suave.

Ademais do título galego, a cita de Baiona será tamén a última da tempada puntuable para o Circuíto Rías Baixas a Dous. Tras a celebración das probas Volta a Cíes, Volta a Barbanza, Gran Trofeo Faro de Corrubedo e o Memorial Paco Alvariñas, será mañá sábado no Campionato Galego da clase cando se coñecerá aos vencedores do prestixioso circuíto.

Unha vez finalizada a proba, a entrega de premios celebrarase ás 20:00 horas no Monte Real Club de Yates.