As estacións, protagonistas dunha nova actividade para fomentar a lectura en Gondomar

A Praza da Paradela acollerá este venres ás 18:00 horas un contacontos centrado nas estacións do ano e no que se buscará a implicación dos máis pequenos da casa. A actividade, que se enmarca dentro do programa “Ler conta moito”, responde á política do actual goberno de fomentar a cultura e a implicación nela das novas xeracións, á vez que se aposta por actividades que fomentan a diversión en familia.

“Contos de estación” é un espectáculo interactivo no que o fío condutor serán as catro estacións do ano. Loreto Pertínez, licenciada en psicoloxía e especializada en educación infantil, presentaranos un rato moi particular que convidará os nenos e nenas a viaxar a través de tres contos.

Cada un deles estará asociado a unha determinada actividade, na que a estimulación sensorial dos pequenos converterase nunha boa ferramenta para descubrir diferentes aspectos das estacións. Desta maneira daráselles a coñecer e tocar elementos básicos da estación na que estamos como poden ser as follas secas, as flores ou os froitos.

Serán eles os que, coa axuda do protagonista de “Contos de estación” tamén aprendan a separar, por exemplo, as pezas de roupa dependendo do momento do ano no que nos atopamos, ou, axúdenlle a completar unha decoración moi especial á que debe enfrontarse.

“Contos de estación”, é unha das actividades que se desenvolverán durante o mes de outubro dentro do programa “Ler conta moito”, que promociona a Xunta de Galicia, co fin de dinamizar as nosas bibliotecas. Desta forma búscase convertelas nun espazo aberto no que a través de actividades de distinta índole achéguese a lectura á cidadanía, prestando especial atención ás novas xeracións.

Anuncios