Unha vintena de persoas participarán en Baiona no obradoiro “Xogos con risas aseguradas”

O vindeiro luns, 7 de outubro, iniciarase en Baiona un curso formativo do programa da Deputación de Pontevedra “Tecendo Lazos”, cuxo principal obxectivo é crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. Comezará a acción formativa denominada “Xogos con risas aseguradas”, na que participarán preto de vinte persoas ata o 11 de outubro. A actividade desenvolverase no Multiusos Ángel Bedriñana (rúa Carabela Pinta nº11) de luns a xoves entre as 16:00 e as 19:30 horas e o venres entre as 16:00 e as 18:00 horas.

“Tecendo Lazos” oferta este ano accións formativas en 35 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O principal obxectivo do programa é crear lazos afectivos interxeneracionais, de xeito que os cativos e cativas adquiran habilidades novas e empatía cara outras xeracións, mentres que as persoas de idade avanzada avellenten de xeito activo e optimicen así as súas oportunidades de xerar e transmitir coñecemento.