O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra expresa a súa perplexidade polo anuncio da Xunta de Galicia de novos pasos para a posta en marcha dos obrigados plans de emerxencia de catro encoros da provincia de Pontevedra: A Baxe (Caldas de Reis), Eiras (entre Ponte Caldelas e Fornelos de Montes e que abastece á cidade de Vigo e a súa área), O Con (que abastece a área de Vilagarcía) e Baiona.
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 24 de setembro a declaración de urxente ocupación dos terreos necesarios para a instalación dos elementos de xestión das emerxencias relacionadas cunha posible rotura ou avaría nos encoros, como salas de xestión ou sistemas acústicos. Unha obra que, a pesar do atraso acumulado, financia con fondos Feder.
O secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, critica o desleixo na protección da poboación, pois a lexislación que obriga a aprobación destes planes data do ano 1995 (Directriz Básica de Planificación de Protección Civil ante el Riesgo de Inundaciones) e de 1996 (Reglamento Técnico de Seguridad de Embalses). “Chegan con 23 anos de atraso, dando un exemplo pésimo por parte dunha Administración que se apresura a multar a outras Administracións, empresas e cidadáns cando incumpren prazos en asuntos de moitísima menos importancia”, afirma.
A propia Xunta de Galicia, engade, cualificou no ano 2002 os encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa nas tres categorías de seguridade aplicables: A (as que poden, en caso de accidente afectar gravemente a núcleos urbanos ou servizos esenciais ou producir danos medioambientais moi importantes), B (as que poden causar repercusións importantes ou afeccións a un reducido número de vivendas) e, finalmente, C (as susceptibles de causar danos de moderada importancia). Dado que as catro presas mencionadas teñen categorías A ou B deberían ter contado con Plan de Emerxencia en vigor dende hai 23 anos para informar adecuadamente dos protocolos de seguridade, o que significa que a Xunta de Galicia desentendeuse non só das súas obrigas, senón da protección da poboación que vive augas abaixo.
Os plans de emerxencia son competencia exclusiva da Xunta de Galicia, a través do organismo Augas de Galicia, previo informe da Comisión Galega de Protección Civil.

