Nigrán cede as cinco mochilas vibratorias a Vigo e Gondomar

O Concello de Nigrán prestará esta fin de semana as súas cinco mochilas vibratorias para senllos festivais musicais en Vigo e Gondomar co obxectivo de que as persoas xordas poidan “sentir” os concertos de “Cantares por el Camino” en Villa Solita o sábado e de “Unha banda con raís” na Praza da Paradela o domingo. Trátase do terceiro e cuarto préstamo respectivamente que se fai dende o Concello de Nigrán, xa que antes se cederan para o Festival da Ameixa de Campelo con Coti e para as Festas da Peregrina en Pontevedra con Rozalén.

O Concello de Nigrán, único en Galicia en contar con esta tecnoloxía que en España só dispón tamén o Ayuntamiento de Madrid, estreou os dispositivos en agosto con gran éxito ao realizar só no seus festivais 37 préstamos (17 en ChandeFolk e 20 no Rock in Patos). Nesta ocasión poderanse beneficiar das mochilas as persoas xordas que asistan aos concertos en Vigo de Troka Jazz Quartet, Sheila Patricia, Los Marcianos, Ari Magritte, Tatum, Epoje, Walter César López, Nós Grupo, Solo Molson, Antonio Tato, Ritmoceronte e Tincho Fernán en “Cantares por el Camino”; e da Banda Agrupación Musical de Vincios e Cantares do Brion no concerto inédito en Gondomar bautizado como “Unha banda con raís”.

Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións estreouse en España nas derradeiras actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid e Nigrán é o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto. A adquisición, cun investimento de 6.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal “Un Nigrán para todos” co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.

“A demanda para o seu uso no ChandeFolk e no Rock in Patos incluso superou as nosas previsións, xa que se achegaron persoas xordas de tódolos puntos de Galicia para poder probalas; foi un dos momentos máis emocionantes como rexedor poder ver a estas persoas bailar e vibrar ao son da música», sinala o alcalde, Juan González, quen se amosa encantado de cedelas puntualmente «pero sempre baixo un protocolo que garanta o seu uso e mantemento correcto”. “Antes de mercalas moitos concellos queren probalas e estamos a recibir moitas peticións, así que encantados de promover dende Nigrán que invistan nesta tecnoloxía inclusiva que, de seguro, acabará de ser de emprego habitual nos festivais”, recoñece.

As diferentes vibracións que transmite esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos audios que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF. Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/o audífono) non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo indutivo. As mochilas poden ir cargadas ás costas ou no peito e permiten que o usuario se poida desprazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.

As mochilas estarán sempre a disposición dos interesados nos eventos organizados dende o Concello de Nigrán nos que a súa presenza facilite a accesibilidade.

Anuncios